CRTVG

Buscar

Arabia Saudita condena a morte cinco persoas polo caso Khashoggi

Publicado o 23/12/2019 12:07
Arabia Saudita condena a morte cinco persoas polo caso Khashoggi

A Fiscalía de Arabia Saudita anunciou hoxe que cinco persoas foron condenadas á morte en primeira instancia polo asasinato en outubro de 2018 do xornalista Yamal Khashoggi no consulado saudita de Istambul, aínda que exonerou de responsabilidade a Saud al Qahtani, asesor do príncipe Mohamed bin Salman.

O portavoz da Fiscalía Xeral saudita, Shalaan al Shalaan, indicou nunha conferencia de prensa que tanto Qahtani como o subdirector dos servizos secretos sauditas Ahmed Asiri, as dúas principais figuras procesadas polo caso foron liberados porque non se atoparon probas na súa contra.

O cónsul saudita en Istambul, Mohamed Al Otaibi, foi tamén exonerado sen que se atopasen probas na súa contra.

"O Tribunal de Sancións emitiu sentenzas contra 11 acusados. Condenou a morte cinco persoas como castigo por complicidade e participación no asasinato de Khashoggi", indicou Al Shalaan.

Engadiu que tres acusados foron atopados non culpables por falta de probas (Qahtani, Asiri e Al Otaibi) e outros tres foron condenados por encubrimento a penas que na súa totalidade suman 24 anos, pero non especificou nin as identidades nin as sancións.

Segundo o portavoz da Fiscalía Xeral, as investigacións mostraron que non houbo intención de matar a Khashoggi, posto que os acusados e a vítima non estaban "postos a mal".

Al Shaalan asegurou que familiares do xornalista, os fillos da vítima e representantes Turquía asistiron ás sesións do caso.

Khashoggi, un xornalista crítico moderado co Goberno saudita e columnista do diario Washington Post, foi asasinado o 2 de outubro de 2018 no consulado saudita de Istambul, nun crime escabroso que mereceu o repudio internacional e fixo derrubarse a imaxe pública de Arabia Saudita.

A pesar de que as Nacións Unidas e o Senado dos Estados Unidos responsabilizaron directamente o príncipe herdeiro Mohamed bin Salman polo crime, o home forte do reino non foi procesado.

O Departamento do Tesouro estadounidense si responsabilizou directamente a Al Qahtani da "planificación e execución da operación que conduciu ao asasinato de Khashoggi".

Al Qahtani, que traballara para a familia real desde 2003, incrementou o seu poder cando Bin  Salmán se converteu en 2017 en príncipe herdeiro de Arabia Saudita.