CRTVG

Buscar

Apróbase o decreto que anula as eleccións do 5-A

Publicado o 18/03/2020 15:20

• Haberá que repetir o proceso electoral "dende cero"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, explicou que esta tarde os galegos quedarán "oficialmente desconvocados" para votar o 5 de abril e seguirán convocados na loita contra o coronavirus, "un reto moito maior (que as eleccións) e que definirá o presente e o futuro de Galicia".
Núñez Feijóo compareceu por videoconferencia desde o Centro de Emerxencias de Galicia 112 na Estrada (Pontevedra), onde se celebrou unha reunión semipresencial do Consello da Xunta e outra do Centro de Coordinación Operativo creado pola crise do coronavirus.
Na súa reunión de hoxe, o Goberno galego aprobou o decreto que publicará esta tarde o Diario Oficial de Galicia e que "deixa sen efecto todo o proceso electoral en marcha", polo que cando se volvan a convocar as eleccións, un data "imposible de saber", recalcou Núñez Feijóo, deberá iniciarse o proceso desde o principio.
A Xunta Electoral galega deu ao traste coas intencións tanto da Xunta como dos principais partidos galegos, que pactaran, se fose posible, retomar o proceso electoral no momento no que fose suspendido; isto é, a piques de comezar a campaña electoral. Isto implicaba non ter que volver esperar 54 días, como mínimo, desde a nova convocatoria e que as listas e candidaturas e resto de procesos administrativos xa celebrados non tivesen que repetirse.
Con todo, esta mañá, unha resolución do órgano electoral estimou que "a repetición íntegra" de todo o proceso electoral é a fórmula que mellor respecta "o desenvolvemento en liberdade de concorrencia, votación e execución sen solución de continuidade" das eleccións.
Ademais, a Xunta avalou que a suspensión da convocatoria electoral dado o estado de alarma, a situación de emerxencia sanitaria e o compromiso, vía decreto, de agardar a que se levanten estas situacións e a oír aos partidos políticos antes de fixar unha nova data electoral.
"Haberá unha nova convocatoria, cando sexa, e haberá que empezar de cero", incluíndo un novo censo que terá que ter en conta a quen fixese 18 anos e teña o dereito legal de votar ou de ser elixidos.
Ao preguntarlle sobre se poderían volver coincidir co País Vasco, dado que alí tamén se anularon as eleccións do 5 de abril e aprobouse un decreto moi similar ao galego, Núñez Feijóo dixo que lle gustaría; aínda que é difícil sabelo porque ambas teñen declarada a situación de emerxencia sanitaria e non se saben cando se poderá levantar esta medida. "É imposible" saber cando serán as eleccións "porque non hai ninguén que poida adiviñar" cando se vai a regular a situación sanitaria, reiterou o presidente galego, que incidiu: "Non temos previsión. Non ocupan nin un minuto da preocupación de ninguén".
Núñez Feijóo explicou que "salvar vidas é a única prioridade" e animou a toda a sociedade a seguir loitando conxuntamente para lograr vencer ao coronavirus. "Pensabamos que nunca viviriamos unha situación como esta, que se dan en películas ou en libros de ficción científica, pero é a realidade e a pesar de ser unha situación extraordinariamente difícil temos renovadas esperanzas", asegurou. "E non se esquezan de que hai que coidarse; é o seu deber, o coidado extremo propio, dos seus familiares e dos seus compañeiros de traballo", concluíu.

 

 

Noticias web

18/03/2020