CRTVG

Buscar

Aprazadas as eleccións vascas do 5 de abril

Publicado o 16/03/2020 14:42
Aprazadas  as eleccións vascas do 5 de abril

O Goberno vasco e os partidos con representación parlamentaria decidiron este luns aprazar as eleccións autonómicas convocadas en Euskadi para o 5 de abril ante a pandemia de coronavirus, segundo confirmaron fontes das formacións políticas. 

O lehendakari, Iñigo Urkullu, presidiu unha xuntanza cos dirixentes dos partidos e decidiuse suspendelos. Para reactivalos será necesario poñerlle fin á Declaración de Emerxencia Sanitaria que  hai en Euskadi e, nese momento, "de forma inmediata" e unha vez "oídos os partidos", será cando o titular do goberno vasco promulgue o decreto de nova convocatoria electoral.

A deicisión vaise oficializar nun decreto que se publicará no Boletín Oficial do País Vasco antes do comezo da campaña electoral, previsto para as 24:00 horas deste xoves, segundo informaron o Executivo e os partidos nunha nota conxunta.

Ademais de Urkullu, na xuntanza participaron os líderes de todas as formacións políticas con representación no Parlamento Vasco (Equo Berdeak, PP, PSE, Elkarrekin Podemos, EH Bildu e PNV).

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, xa considerou "pouco razonable" a celebración das eleccións vascas e galegas o vindeiro 5 de abril, pero indicou que eran os partidos destas autonomías os que tiñan que decidir ao respecto. No caso vasco, o aprazamento prodúcese "sine die".

A cita entre o Goberno vasco e os partidos foi presencial, nunha sala hixienizada da sede do goberno, coas distancias de seguridade axeitadas e o material hixiénico preciso.