CRTVG

Buscar

O neno estaba a 71 metros de profundidade, cuberto pola terra que obstaculizaba o pozo

Publicado o 26/01/2019 10:13

A historia de Julen Roselló, o neno de dous anos que caeu nun pozo na localidade malagueña de Totalán hai trece días, rematou do peor xeito posible: os equipos de rescate atopaban sobre 1:25 horas desta mañá o corpo sen vida do neno. Pouco tempo despois do achado na vivenda onde estaban acollidos os pais do meniño comezaban a vivirse escenas de intensa dor. O pai sufriu un ataque de ansiedade durante a noite e requiriu a presenza dos servizos sanitarios.

Ás once da noite de onte, o equipo de brigadistas de Salvamento Mineiro e de Gardas Civís do Servizo de Montaña realizaban a cuarta microvoadura no pozo de apoio, cando os separaba menos dun metro do lugar de onde se atopaba o neno. Varios tramos de cuarcita, de grande dureza para as ferramentas dos rescatadores, dificultaron o acceso ao lugar onde estaba Julen.

Finalmente foi atopado baixo o tapón de terra que obstaculizaba o pozo por onde caera, a 71 metros de profundidade. O neno precipitárase por un túnel dedicado a busca de auga de 25 centímetros de diámetro e duns cento dez metros de fondo no chamado Cerro da Corona. A comitiva xudicial achegouse ao lugar pouco despois para o levantamento do cadáver e dar paso á investigación que aclare as circunstancias da suceso. Sobre as cinco da mañá comezou a desartellarse o operativo de rescate.

O alcalde de Málaga, Francisco de la Torre, decretou tres días de loito oficial e un minuto de silencio na porta do concello.Tras trece días de operativo, máis de trinta horas de intensas escavacións e participación de 300 personas, a traxedia do rescate de Julen remataba.

Noticias web

26/01/2019