CRTVG

Buscar

Anfac pide un plan ao Goberno ante a caída do 45% na venda de coches

Publicado o 12/06/2020 15:06

O sector da automoción é un dos máis afectados pola covid-19. Os fabricantes din que as vendas caeron á metade e que hai 200.000 postos de traballo en perigo.

A Asociación Nacional de Fabricantes de Automóbiles e Camións advirte do momento que vive o sector: "Este ano afrontamos unha previsible caída de vendas do 45% e unha perda de máis de 700.000 vehículos en produción para este ano. Se nos colocamos en cifras da anterior crise de 2008, o que antes se perdeu en varios anos aquí perdeuse en tres meses", asegura o presidente da Asociación, José Vicente de los Mozos.

Para paliala, pídenlle un plan ao Goberno que axude a frear a caída. Unha transición pactada, con axudas, para a industria, os concesionarios e os consumidores, un pouco máis animados nesta desescalada pero con dúbidas.

"Se vai haber algo máis, ou se compro hoxe e para a semana o Goberno saca algún tipo de axuda. Van un pouco nesa liña. Hai un pouco esa incerteza. Se iso estivera aclarado para ben ou para mal, a nós axudaríanos moito e ao cliente tamén lle axudaría a decidir", cóntannos nun concesionario.

Axudas que veñen pedindo hai tempo no sector para convencer os consumidores de que é o momento de mercar un coche.

Noticias web

12/06/2020