CRTVG

Buscar

Andalucía inicia dúas semanas de duras restricións

Publicado o 10/11/2020 14:26

Primeiro día con todos os municipios de Andalucía pechados. O Goberno andaluz tamén amplía o toque de queda e pecha a actividade non prioritaria a partir das seis da tarde. En Granada, a provincia máis afectada, cunha incidencia de 1.200 casos por 100.000 habitantes, o peche é total.

En Madrid, a presidenta Díaz Ayuso, confinada polo positivo dun colaborador, confirma en Twitter que deu negativo nas probas do coronavirus. As entradas e saídas volven estar permitidas tras levantar esta madrugada o peche perimetral da comunidade decretado con motivo da ponte da Almudena. Seguen en vigor as restricións de mobilidade en 41 zonas básicas de saúde. O PP pídelle ao Goberno responsabilidade:

José Luis Martínez Almeida, alcalde de Madrid e voceiro e nacional do PP, di que "non hai un español que entenda que hai 17 receitas distintas, o que queremos é un Goberno que asuma a responsabilidade ante a pandemia".

Outra das comunidades que endurece as medidas de nivel 3 é Castela-A Mancha, que xa pechou o interior de bares e restaurantes.

En Cataluña redúcese a velocidade de transmisión do virus, pero na última xornada rexistráronse 109 vítimas mortais. Por iso estudan prolongar 15 días máis todas as restricións, entre elas o peche da hostalería. A comunidade ten tamén a vista posta nas eleccións de febreiro. A Generalitat propón que as votacións se fagan en pavillóns e non en centros educativos, para aumentar a seguridade ante a covid-19.

Noticias web

10/11/2020