CRTVG

Buscar

Andalucía e Cataluña rexistran máis de mil novos contaxios nas últimas 24 horas

Publicado o 24/09/2020 14:21

Aumentan os contaxios e as localidades confinadas polo coronavirus en toda España. Cataluña e Andalucía volven superar os mil novos positivos en 24 horas e os seis mil veciños de Peralta, en Navarra, estarán confinados as dúas próximas semanas.

O coronavirus continúa progresando en Cataluña e o risco de repunta sobe 12 puntos ata os 206.
Na última xornada engadíronse 1.154 novos infectados e 17 falecidos máis.

Un colexio de Manlleu, no interior da provincia de Barcelona, foi o elixido para facer os primeiros tests rápidos para detectar positivos asintomáticos.

Nos dous próximos meses está previsto realizar medio millón nos centros de ensino cataláns.
O obxectivo é evitar o colapso da asistencia primaria pediátrica. Cribados masivos tamén nas localidades andaluzas de Lucena e Casariche, para determinar o número exacto de veciños contaxiados.

Cunha taxa de incidencia de 3.700 positivos por cada cen mil habitantes, 25 veces máis ca a media da provincia de Sevilla, o concello de Casariche solicitou reiteradamente o confinamento da poboación.

Nas últimas 24 horas, Andalucía rexistrou 1.484 novos positivos e 12 falecidos máis polo coronavirus. Os que xa están confinados son os 6.000 veciños da localidade navarra de Peralta que desde a medianoite só poden saír da vila por causa xustificada.

"Pola noite, moi pouco movemento. Houbo máis no que é a hora de entrada a traballar, entre as seis da mañá e as oito, pero non me constan infraccións".

Cunha incidencia de 1.700 contaxios por cada cen mil habitantes, Peralta quintuplica a media da comunidade foral.

Noticias web

24/09/2020