CRTVG

Buscar

Andalucía adiántase ao toque de queda e restrinxe as saídas nocturnas en Granada

Publicado o 22/10/2020 17:11
Andalucía adiántase ao toque de queda e restrinxe as saídas nocturnas en Granada

A Junta de Andalucía acordou este xoves aplicar o toque de queda en Granada e en trinta municipios da súa área metropolitana restrinxindo a mobilidade desde as 23:00 ás 6:00 horas e o peche dos bares ás 22:00 nas cidades de Sevilla, Córdoba e Xaén.

Na conferencia de prensa posterior ao Consello de Goberno, o conselleiro de Sanidade, Jesús Aguirre, explicou que, antes de aplicar a restrición da mobilidade en Granada, pediron que a ratifique o Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, aínda que conta co visto e prace dos servizos xurídicos da Xunta.

Aguirre indicou que estas medidas adóptanse ao producirse unha subida "preocupante dos contaxios por coronavirus" cunha incidencia acumulada por cada 100.000 habitantes de 301,5 casos no últimos catorce días, e é máis alta en Granada (907), Xaén (466), Córdoba (387) e Sevilla (340).

Afirmou que Andalucía, en principio, ve positivo que se acorde no ámbito nacional o toque de queda, aínda que precisou que dependerá dos criterios que lles comunique hoxe o Ministerio de Sanidade na Comisión Interterritorial de Saúde, e deixou claro que a Junta aproba estas decisións baseándose nas recomendacións dos expertos integrados nos comités territoriais de saúde pública.

Tamén acordou o Consello de Goberno estender os cribados en varias provincias e aplicar as limitacións de aforo en establecementos comerciais e o peche de bares e restaurantes ás 22:00 horas, que se decretou en Granada o 14 de outubro, ás capitais de Sevilla, Xaén e Córdoba na medianoite do domingo ao luns.

Igualmente, endurecerase o uso das máscaras na restauración en toda Andalucía coa obrigación de tela posta todo o tempo que se permaneza no local, e só se poderá quitar para consumir, e tamén na práctica deportiva en espazos abertos onde haxa aglomeración.

En Granada renóvanse as medidas adoptadas nas universidades e colexios maiores e residencias.

Así mesmo, decretáronse en diversos concellos da comunidade as restricións e medidas da Orde do 14 de outubro, que decreta que todos os establecementos, locais comerciais e servizos abertos ao público non poden superar o 50 % da ocupación permitida nin pechar máis alá das 22:00 horas, fóra dos establecementos farmacéuticos, médicos, veterinarios, de combustible e outros considerados esenciais.

Non se permite o consumo en barra e a ocupación máxima en mesas é de seis persoas en bares e restaurantes; non se permiten visitas nin saídas aos usuarios nos centros sociosanitarios de carácter residencial, e a asistencia a velorios limítase a un máximo de quince persoas en espazos ao aire libre ou dez en espazos pechados.

No caso de celebracións nupciais e doutras cerimonias civís e relixiosas, o número máximo de participantes fíxase en 30 persoas, tanto en espazos pechados como ao aire libre, que deberán permanecer sentados.

As localidades afectadas por algunhas destas medidas son Almería, Los Gallardos (Almería), Córdoba, Aguilar de la Frontera (Córdoba), Xaén, Baeza, Quesada, Segura de la Sierra, Guarromán (Xaén), Teba, Almáchar (Málaga), Sevilla, El Castillo de las Guardas, Utrera, Badolatosa, Estepa,  Gilena, Herrera, La Roda de Andalucía, Lora de Estepa,  Marinaleda (Sevilla).

Ademais, na provincia de Sevilla, en Pedrera restrínxese a mobilidade do municipio, e en Écija auméntanse a dez días máis as medidas xa acordadas, que son tamén as de aplicación na Orde do 29 de setembro, mentres en Casariche continuarán coas medidas que se estaban adoptando.