CRTVG

Buscar

Amplíase a sete depuradoras o estudo que analiza posibles brotes de coronavirus nos lodos

Publicado o 29/06/2020 14:49

O control dos lodos nas depuradoras pode axudar a predicir un brote de coronavirus, mesmo antes de que aparezan síntomas na poboación.

O director do proxecto, o catedrático Juan Manuel Lema explica que "previamente, mesmo unha ou dúas semanas antes de que estas persoas infectadas mostren síntomas ou mesmo sexan asintomáticas, o virus xa está presente no seu intestino. Polo tanto nas feces van aparecer restos deste material xenético".

E aí centraron o estudo estes investigadores da Universidade de Santiago. Na depuradora de Ourense comprobaron como se concentra o material xenético relacionado co coronavirus no espesor dos lodos.

E alí atoparon o punto onde mellor se mide a carga do virus. Agora un convenio coa Administración galega vailles permitir validar a metodoloxías noutras sete depuradoras.

A conselleira Ethel Vázquez asegura que "cos resultados da investigación desde a Xunta de Galicia aspiramos a establecer un sistema permanente de alerta e vixilancia para a prevención contra a enfermidade".

No estudo participan os principias operadores de auga de Galicia. O obxectivo, conseguir un protocolo que permita activar alarmas en canto mude a carga xenética do virus nas residuais.

Noticias web

29/06/2020