CRTVG

Buscar

América, con 2,6 millóns de contaxios pola pandemia, busca medidas solidarias

Publicado o 29/05/2020 07:18
América, con 2,6 millóns de contaxios pola pandemia, busca medidas solidarias

O mundo busca con urxencia medidas solidarias e conxuntas para enfrontarse á pandemia, que conta xa preto de 2,6 millóns de casos de COVID-19 en América -medio millón máis que en Europa-, segundo informou a Organización Mundial da Saúde (OMS).

Segundo o organismo, os Estados Unidos, O Brasil, Rusia, Reino Unido e España son os países con maior número de casos no mundo, onde se elevou a 353.334 o número de mortos.

Os EUA: "O fito triste" dos falecementos

Os Estados Unidos alcanzaron este xoves a cifra de 1.720.613 casos confirmados de COVID-19 e a de 101.562 falecidos, de acordo co reconto independente da Universidade Johns Hopkins. Este dato ás 20:00 hora local (00:00 GMT do venres) é de 22.032 contaxios máis que o mércores e de 1.286 novas mortes. Polo menos 399.991 persoas superaron a enfermidade a data deste xoves.

Como un "fito moi triste", o presidente Donald Trump referiuse en Twitter á cifra de falecidos a raíz da COVID-19, que sitúa a nación como o primeiro país en superar a barreira das 100.000 mortes, máis dunha cuarta parte do total mundial.

Cun comportamento desigual por estados, a pandemia segue avanzando e levando vidas, mentres van xurdindo novos datos que reflicten o golpe que está a supoñer a enfermidade para a economía: unha contracción histórica do seu aparello produtivo e un desemprego que afectou a 41 millóns de persoas en pouco máis de dous meses.

Sobe a cifra de infectados

O Brasil confirmou este xoves 1.156 mortes por coronavirus nas últimas 24 horas, ata un total de 26.754 decesos desde o inicio da pandemia, e estableceu un novo récord con 26.417 casos da enfermidade nun día, segundo informou o Ministerio de Saúde. Os casos totais ascenden xa a 438.238 infectados, segundo o boletín diario divulgado por ese despacho ministerial.

Chile é outro dos países que preocupa, ao reportar 49 falecidos nas últimas 24 horas, o cal supón un novo récord e eleva o total de decesos a 890. En infeccións contabilizou outros 4.654, e con iso sitúa a cifra total en 86.943 e supera A China, onde se iniciou a pandemia.

Ecuador, que rexistra máis de 3.300 falecidos, 2.136 probables e uns 38.400 positivos, atópase nun proceso de cambio de fase da estratexia epidemiolóxica e busca pasar do illamento masivo ao distanciamento social, co levantamento paulatino e coordinado das restricións.

E na Arxentina a mirada está posta nas villas miseria ou barrios pobres, como Villa Azul e Villa Itatí, da populosa área metropolitana de Bos Aires, que están separadas por unha estrada e agora tamén polo valo que rodea a Azul, co que pretenden illar a COVID-19 e evitar que se propague a poboacións veciñas, onde este xoves intensificaron os tests.

O país onfirmou este xoves 769 novos casos do coronavirus, e así que o número total de contaxios elevouse a 14.702. Os mortos suman 508, tras se rexistraren hoxe sete novos falecementos.

Centroamérica: empréstitos, reapertura e máis contaxios

En Honduras, o Foro Social da Débeda Externa (Fosdeh) publicou un estudo en que sinala que o país debe realizar un "cambio de enfoque, polo menos durante tres anos, das políticas económicas e sociais, que implica responder de maneira estratéxica" para superar o coronavirus.

Mentres en Costa Rica, que chegou hoxe aos 1.000 infectados e avalía un plan de reapertura, o ministro de Saúde, Daniel Salgas, indicou que o Goberno está a avaliar o plan de desescalada das restricións a actividades económicas que comezou a aplicarse o pasado 16 de maio co fin de determinar se se seguen ampliando as reaperturas, se se establecen restricións focalizadas por zonas ou se se continúa como estaba previsto.

O Salvador, pola súa banda, recibiu do Banco Interamericano de Desenvolvemento (BID) a aprobación dun préstamo de 250 millóns de dólares para financiar as medidas de contención da crise sanitaria, logo de entrar á fase 3 por causa da COVID-19 tras superar os 2.100 contaxios.

A outra cara preocupante é Nicaragua, onde a Fundación Violeta Barrios de Chamorro (FVBCH), dedicada a defender a liberdade de expresión e o acceso á información pública, cualificou de "dramática" a situación no país.

Aínda que o Goberno reportou 759 casos confirmados, con 35 mortos desde marzo pasado, datos do independente Observatorio Cidadán COVID-19 indican que en Nicaragua unhas 2.687 foron contaxiadas polo virus, e 598 morreron.

Mentres os Gobernos seguen planificando as reaperturas e reactivacións económicas, a ONU xunto aos líderes mundiais, con excepción dos EUA e A China, abordou nun cumio virtual as estratexias para apoiar os Estados máis vulnerables e evitar que a crise económica arruíne anos de progresos en materia de desenvolvemento.

Solidariedade para evitar unha devastación

América estivo presente durante a reunión da ONU en que os participantes defenderon a necesidade de respostas globais e coordinadas ante a pandemia e de solidariedade coas nacións con menos recursos ante o risco de que a crise dispare a desigualdade.

A clave: aliviar a débeda dos países pobres. Este foi un dos maiores requirimentos nun momento en que numerosas economías sofren pola recesión global e a caída de prezos de materias primas.

O presidente de Costa Rica, Carlos Alvarado, pediu ás institucións financeiras internacionais que avalíen urxentemente o problema de débeda que xurdirá nos próximos meses e nos próximos anos e que sexan máis flexibles na utilización dos parámetros establecidos.

A isto tamén se uniu o presidente de Colombia, Iván Duque, ao salientar a necesidade de que todos sumen esforzos contra o coronavirus para que haxa un consenso no medio prazo sobre como aliviar as débedas nos países emerxentes.

O propio secretario xeral da ONU, Antonio Gutérres, alertou de que se non se actúa agora "a pandemia causará unha devastación e sufrimento inimaxinables ao redor do mundo", pois millóns de persoas poden caer na pobreza e poden producirse fames negras históricas.

O plan conxunto de Latinoamérica ante a covid

Ao mesmo tempo ca a reunión celebrada na ONU, os líderes dos Parlamentos de 11 países latinoamericanos avaliaron nunha reunión telemática un plan conxunto rexional ante os efectos do coronavirus.

"Temos unha realidade compartida na rexión", subliñou a presidenta da Cámara de Deputados mexicana, Laura Rojas, satisfeita polo compromiso adquirido de "delinear os eixos e as prioridades de traballo" ante esta pandemia nun mesmo documento.

Durante o encontro, os titulares dos lexislativos da Arxentina, México, O Brasil, Barbados, Chile, Colombia, Cuba, Dominica, Ecuador, Paraguai e o Uruguai expuxeron o seu punto de vista e salientaron a súa vontade de fortalecer as relacións rexionais.

A mira está posta en fortalecer os sistemas de saúde e económicos e en establecer mecanismos para o investimento en ciencia e desenvolvemento sostible.

Entre os retos inmediatos para a rexión está o feito de que se deberán "adecuar" os orzamentos de 2021 á realidade, que deixou xa 2,6 millóns de contaxiados e case 150.000 mortos no continente americano, segundo a OMS.