CRTVG

Buscar

Récords de contaxios nalgúns países de América e repuntas noutros

Publicado o 11/06/2020 07:27
Récords de contaxios nalgúns países de América e repuntas noutros

O Brasil e os Estados Unidos seguen rompendo récords por contaxios e falecementos derivados do coronavirus, e outros países de América, como Chile e o Perú, tiveron que retroceder nas súas reaperturas por causa do avance imparable da COVID-19.

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), os mortos en todo o mundo polo coronavirus chegaron a 408.025 e os casos a 7,14 millóns, dos cales 3,41 millóns de contaxios se rexistraron en América. En Europa as cifras mantéñense estables ao redor dos 2,32 millóns.

O Brasil segue escalando

O acelerado ritmo de expansión do coronavirus no Brasil sitúao como o segundo país con máis casos de COVID-19, con 772.416. Está preto de quitarlle o segundo posto por número de falecidos ao Reino Unido (41.213 decesos), xa que nas últimas 24 horas rexistrou 1.274 novas mortes e o seu total ascendeu a 39.680.

O estado de São Paulo, onde viven uns 46 millóns dos 210 millóns de habitantes do Brasil, mantense como epicentro da pandemia no país e alcanzou os 156.316 infectados e 9.862 decesos, o cal non impediu a reapertura de diversos comercios en varias das súas localidades.

A súa capital, a cidade homónima de São Paulo, a máis poboada de Latinoamérica, proseguiu coa  desescalada iniciada a comezos de mes e abriu as portas do comercio de rúa, do mesmo xeito que o estado do Río de Xaneiro, o segundo máis golpeado de Brasil, con case 75.000 casos e 7.138 decesos, que está a flexibilizar as medidas de distanciamento interpersoal.

Os EUA, entre protestas e malos datos

Os Estados Unidos superaron os 2 millóns de contaxios e contabiliza máis de 112.000 mortes, no medio das recentes protestas contra o racismo e os chamamentos do seu presidente, Donald  Trump, a continuar cos mitins para as eleccións de novembro.

Ao tempo que case a metade dos seus estados reportan cifras á alza pola pandemia, son cada vez máis os sectores económicos e sociais que inician as súas reaperturas ante os malos presaxios para a economía do país.

A Reserva Federal alertou este mércores sobre "a elevada incerteza e o considerable risco" que se debruza sobre a economía estadounidense e sinalou que a pandemia provocará unha contracción do 6,5 % e unha taxa de desemprego do 9,3 % a final do ano, mentres os tipos de interese seguirán preto de 0 % ata 2022.

México alcanza récord diario de casos

México notificou este mércores 4.883 novos casos de COVID-19, a maior cifra de contaxios nunha soa xornada, co que totaliza 129.184 desde o comezo da pandemia, segundo informaron as autoridades sanitarias.

Nas últimas 24 horas, os casos confirmados incrementáronse nun 3,9 %, ao pasar de 124.301 a 129.184, de acordo cos datos do informe técnico presentado no Palacio Nacional da capital mexicana.

Ademais, México superou xa os 15.000 decesos polo coronavirus cos 708 falecementos rexistrados hoxe, que supoñen unha cifra acumulada de 15.357.

A Arxentina rexistra case 26.000 casos

Os casos diarios de coronavirus continúan en aumento na Arxentina e marcaron un novo récord este mércores, con 1.226 positivos confirmados nas últimas 24 horas que acrecentan o total a 25.987 contaxios.

Segundo o informe vespertino diario do Ministerio de Saúde, 735 persoas morreron ata o momento por COVID-19; delas, 18 pereceron este mércores, mentres o foco principal de contaxios continúa na área Metropolitana de Bos Aires (AMBA).

Na AMBA, formada pola capital e o amplo cordón urbano que a rodea, viven preto de 13 millóns de habitantes e ao redor do 90 % de novos positivos rexistráronse nela.

Bos Aires tivo 521 contaxios e acumula 12.487 casos totais, e a provincia de Bos Aires sumou 621 e alcanzou os 10.211 afectados.

Repuntas de casos

Ante o aumento dos casos, Chile estendeu as corentenas que xa estaban vixentes e incorporou outras oito novas zonas á medida a partir deste venres no seu país, que xa suma 148.496  contaxios e 2.475 mortos, para ocupar o terceiro lugar con máis enfermos en Latinoamérica.

O Perú, o segundo na rexión latinoamericana con máis casos, ten 208.823 enfermos, tras rexistrar un novo pico de 5.087 novos casos nas últimas 24 horas, en tanto que os decesos se achegan aos 6.000.

Ademais, as autoridades sanitarias do Perú están a considerar que o tratamento ambulatorio temperán con hidroxicloroquina e ivermectina "é unha alternativa seria e segura" contra o coronavirus.

Ecuador rexistrou 3.720 falecidos por coronavirus e 2.462 probables, ademais de 44.440 casos, mentres aplica o proceso de  desescalada e un relaxamento das medidas de confinamento.

Contrastes en Centroamérica

Nicaragua segue espertando a preocupación tanto fóra como dentro do país polo manexo que o seu goberno lle deu á pandemia coa súa polémica "estratexia singular", baseada nun equilibrio entre a saúde e a economía, que compara coa de Suecia.

A opositora Unidade Nacional Azul e Blanco e o Consello Superior da Empresa Privada (Cosep), principal patronal de Nicaragua, demandaron a aplicación dunha estratexia baseada nas recomendacións da OMS para "evitar máis a propagación", que segundo cifras oficiais deixa 1.464 contaxios e 55 mortos, mentres que o independente Observatorio Cidadán COVID-19 reporta 4.217 casos e 980 falecidos.

En cambio, o Goberno de Costa Rica advertiu ás empresas agrícolas sobre os protocolos sanitarios se non queren expoñerse ao peche, pois nese sector están a contabilizarse máis contaxios. O país rexistrou un récord de 86 casos novos para completar 1.461 contaxios desde o 6 de marzo, cando se rexistrou o primeiro, e 12 falecidos.