CRTVG

Buscar

Alumnos de Nigrán danlle unha segunda vida aos abetos de Nadal

Publicado o 13/01/2020 14:37

Unha trintena de abetos e piñeiros volverán ter unha segunda vida grazas a estes escolares que forman parte dunha pioneira campaña de recollida de árbores de Nadal proposta polo Concello. Eles encargáronse da súa replantación neste espazo público de Poutón tras a doazón das familias.

Os nenos e nenas encargados da replantación forman parte de varios centros públicos do concello. Para moitos non é a primeira vez. En varios destes coles, como o Humberto Juanes, unha ecohorta feita por eles mesmos axúdalles a coñecer e respectar o medio ambiente.

Nesta replantación participan tamén os viveiros da zona. Varios deles doaron os abetos que non se venderon durante o Nadal de forma totalmente gratuíta dándolles unha segunda oportunidade.

A implicación e traballo dos máis pequenos axudará a construír un novo bosque de abetos. Unha iniciativa que promove a economía circular para lograr o desenvolvemento sostible a través da reutilización e solidariedade.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/01/2020