CRTVG

Buscar

Alcoa di que a situación de San Cibrao non se pode reverter e descarta a venda

Publicado o 10/06/2020 08:20

•  O Goberno insta a Alcoa a que achegue unha solución industrial para a planta ou "deixe paso" a outras empresas | O persoal rexeita a actitude da Alcoa e valora a "unidade" das administracións | O Ministerio comprométese a fixar un prezo eléctrico xusto en dúas semanas | A Xunta esixe coñecer o estatuto electrointensivo 

Esta tarde, o comité de empresa de Alcoa San Cibrao reuniuse por videoconferencia co secretario xeral de Industria, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; o conselleiro de Industria, Francisco Conde, e o presidente de Alcoa, Álvaro Dorado.

Segundo Alcoa, a planta de aluminio atravesa unha "situación insostible" e así llo trasladou ao Goberno, debido ao marco enerxético actual e á sobrecapacidade global de aluminio, o que "fai necesario tomar medidas urxentes para frear o alto nivel de perdas", apunta.

Di que os problemas da planta de aluminio teñen unha natureza "permanente e non se van a reverter", polo que as proxeccións para os próximos anos, augura, "non cambiarán esta situación, facendo que a posibilidade dunha venda da planta non sexa factible xa que a produción non é sostible".

"Alcoa sempre estivo e está aberta ao diálogo e agradece o apoio do Goberno central e rexional nestes últimos anos para tentar superar a situación de San Cibrao", subliña. Segundo a compañía, o proceso informal de consulta iniciado cos representantes dos traballadores é o marco apropiado para discutir o futuro da planta de aluminio.

Neste contexto, avanzou que quere facer un "progreso significativo" cos representantes dos traballadores antes de iniciar un período de consulta formal, xa que "non se tomou ningunha decisión e non se tomará ata que conclúan as consultas". 

O secretario xeral de Industria, Raúl Blanco, trasladou este martes aos traballadores de Alcoa San Cibrao (Lugo), no transcurso da Mesa de Traballo Multilateral, o seu compromiso coa industria e o emprego e instou á dirección de Alcoa a que aclare o seu plan industrial.

Raúl Blanco subliñou a necesidade de "unidade de actuación" para manter as capacidades produtivas e o emprego na planta de Alcoa en San Cibrao, e reiterou o compromiso do Goberno tanto coa produción de aluminio primario como coas industrias electrointensivas e hiperelectrointensivas.

Con todo, deixou claro que, se Alcoa non presenta un plan industrial, debe dar paso a outras empresas interesadas en operar na planta da Mariña: "Non queremos unha morte por capítulos, queremos coñecer os plans de Alcoa, as administracións estamos dispostas a apoiar o mantemento da actividade", sinalou Blanco.

Nesta liña, indicou que "se non teñen un plan industrial e queren pechar en España, en Europa e nos Estados Unidos para centrarse noutros proxectos, que deixen paso. Lugo, Galicia e España dinllo". Lembrou que Alcoa San Cibrao recibiu 693 millóns de euros desde 2011, e que desde 2009 non presentou ao Goberno de España petición algunha de apoio para plans de investimento ou á innovación industrial.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, lamentou que o Goberno "segue sen comprometerse a fixar un prezo eléctrico" que permita á industria electrointensiva competir en igualdade de condicións co resto de Europa, evitando así o fin da produción de aluminio primario en España e garantindo o mantemento dos postos de traballo da planta lucense, apuntou.

Nesta liña, o conselleiro incidiu en que, se o estatuto non recolle as alegacións, será un "estatuto ineficaz", porque "non dará resposta ás necesidades reais que ten a industria electrointensiva en España para ser competitiva". O titular autonómico de Industria considerou que a reunión tamén concluíu sen saberse cales son as medidas a curto prazo previstas polo Goberno, polo que reclamou que se publique no Boletín Oficial do Estado (BOE) a convocatoria de poxa de interrumpibilidade para o segundo semestre do ano, ademais do orzamento máximo que permite a Unión Europea para as compensacións por emisións de CO2.

Pola súa banda, o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, valorou as posturas da Xunta e do Goberno, neste caso en relación a un marco enerxético, pero lamentou que "Alcoa di que calquera marco que lles poñan non lles serve" e "tampouco entra a valorar unha posible venda".

"Se cumpren co que están a dicir estamos seguros de que podemos ser salvados", asegurou Zan en relación ás administracións autonómica e estatal, e dixo que, polo momento, "a única saída que temos como fábrica e como traballadores é a loita".

O comité de empresa iniste en que a nacionalización é a melllor solución para garantir o 100% da produción. Pedirán novas xuntanzas multisectoriais para garantir os empregos. 

 

 

 

Noticias web

10/06/2020