CRTVG

Buscar

Alcoa mantén a súa negativa para vender e fracasan tamén as negociacións do ERTE

Publicado o 28/09/2020 21:41

• Os traballadores convocan unha protesta na contorna da planta de San Cibrao a primeira hora deste martes

A Xunta, o Parlamento e o Goberno censuran a actitude da empresa

Alcoa comunicou formalmente a súa negativa á venda da fábrica San Cibrao a Liberty House e á Sociedade Española de Participacións Industriais (SEPI), e tras un longo encontro cos sindicatos quedaron rotas as negociacións para un axuste de emprego.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, informou á prensa congregada no Pazo de Cea, en Nigrán (Pontevedra), da situación actual e avanzou que este martes ás sete da mañá realizarán un acto de protesta moi importante xusto á beira da factoría, situada no concello lucense de Cervo, a 280 quilómetros do municipio pontevedrés ao que hoxe se trasladaron para manter este infrutuoso encontro.

Alcoa mantivo durante as seis semanas en que durou o proceso para unha eventual transacción o mesmo discurso, o de que non podía atender as "demandas pouco razoables" do grupo siderúrxico británico, que á súa vez non vía a "oferta equilibrada" da que estivo falando a propietaria, incluso hoxe mesmo vía comunicado.

No caso da SEPI, o desacordo de Alcoa cunha compra temporal estivo motivado por unha serie de cuestións que impiden chegar a un entendemento en "condicións razoables", entre elas, pero non exclusivamente, segundo asína a dona deste emporio industrial, a solicitude de dereitos preferentes sobre a refinería.

Nove horas de xuntanza en Nigrán

Esta longa xornada, que se saldou cunha operación comercial abortada e sen avances no caso do ERTE, arrincou ás 09:30 horas coa última reunión da mesa multilateral na que se constatou de maneira fidedigna que Alcoa non ía ceder con San Cibrao.

Tras ese encontro telemático, a multinacional estadounidense mantivo a convocatoria en Nigrán da asemblea preceptiva para avanzar nun axuste de emprego. O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, lamentou nas súas palabras á prensa un feito que descoñecían, que Alcoa chegou a condicionar a "despedimentos asinados" a ampliación dun hipotético entendemento coa SEPI para unha eventual transacción, sen que de tal movemento tivese constancia o persoal.

Alcoa indicou respecto a iso que, conforme ao tratado con Liberty House, o 27 de setembro debía asinarse un contrato de compravenda e que ante a aparición da SEPI nos últimos días e a imposibilidade de ter rubricado un, accedeuse á posibilidade dunha carta de intencións (termsheet) e propúxose que se acordasen, cos representantes dos traballadores, as condicións que aplicarían nun ERTE (sen despedimentos) ou un ERE, no caso de que finalmente non se producise a venda, como ocorreu.

Esta proposta, engade Alcoa, foi acatada inicialmente polo Goberno, "aínda que posteriormente se retirou". Na reunión de Nigrán tentouse debater desde a unha da tarde ata preto das nove, cun par de recesos por medio, a negociación das condicións para aplicar un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) e, no caso de que non houbese acordo, a aplicación dun ERE -un despedimento colectivo- que podería afectar a 534 traballadores da fábrica de aluminio primario e mais aos empregados das compañías auxiliares.

Por iso, o comité de empresa segue reclamando ao Goberno central que, chegado o caso, interveña a fábrica para evitar o seu peche, pois cren que a proposta de Alcoa pasa por realizar unha “hibernación ordenada das cubas de electrólise”, unha “liña vermella” que este órgano non está disposto a traspasar.

Os representantes dos traballadores lembran que as cubas de electrólise son o verdadeiro “corazón da fábrica”, de modo que a súa parada supoñería a “morte” do complexo industrial. O comité insiste en que calquera acordo debe cimentarse sobre a premisa “de manter o 100 % da produción” e, consecuentemente, dos postos de traballo. 

O complexo industrial de San Cibrao, asentado entre os municipios mariñáns de Xove e Cervo, o único que queda a Alcoa en España, está composto por unha fábrica de aluminio e unha planta de alúmina, que empregan a 633 e 510 persoas respectivamente e o seu peso na economía local é de tal dimensión que representa un terzo do produto interior bruto da provincia de Lugo.

Noticias web

28/09/2020

Máis sobre Cervo