CRTVG

Buscar

A venda de Alcoa a Parter queda suxeita a que o fondo suízo logre financiamento

Publicado o 05/07/2019 22:11

• O pacto garante o 100% do emprego nas dúas factorías durante 24 meses, aínda que o investidor ten un proxecto a longo prazo

Maroto: "É a solución que todos queriamos" | Feijóo: "A solución é un prezo concreto da enerxía para producir con seguridade"

 

O 31 de xullo, esta é a nova data de referencia en todo este proceso de venda das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés. Hai que recordar que a multinacional norteamericana ameazara con iniciar os despidos xa o próximo luns, pero finalmente os sindicatos arrancáronlle unha nova prórroga. Parter Capital, o fondo de investimento suízo interesado en mercar as fábricas, terá que demostrar a súa solvencia financeira antes de fin de mes. E de facelo, completarase a venda. Aquí na planta da Coruña, nunha hora, o comité de empresa explicaralles aos traballadores todos os detalles deste último acordo.

Din os sindicatos que Alcoa é un negociador duro. Dende que anunciaron o peche en outubro do ano pasado, as reunións maratonianas repítense. Esta última tívoos doce horas pechados nun hotel de Madrid. A multinacional pretendía que os dous comités de empresa ratificasen o acordo de venda, algo ao que se negaban. Finalmente, plasmaron a súa sinatura nunha acta a título informativo. E con isto ábrese un novo prazo. Parter Capital, o comprador interesado, ten que presentar as garantías financeiras esixidas por Alcoa, uns 30 millóns de dólares, antes do 31 de xullo. E mentres tanto, os traballadores manteñen as condicións actuais.

Juan Carlos López Corbacho, comité de empresa de Alcoa na Coruña: "É un capítulo máis sen o que non podemos escribir o seguinte. Se non se vende, xa sabemos cal é a alternativa, porque non hai investidor e terase que aplicar un plan industrial na planta"

Se Parter proba a súa solvencia antes de final de mes, pecharase a venda das plantas da Coruña e de Avilés. O fondo suízo garante a continuidade dos traballadores e da produción durante dous anos.

 

Noticias web

05/07/2019