CRTVG

Buscar

Alberto Rocha: "Que Barreras caia pode supoñer un efecto en cadea para toda a industria naval"

Publicado o 13/12/2019 11:15

O sector naval en Vigo está moi condicionado pola situación que atravesa Barreras. O maior estaleiro privado de España ten varias frontes abertas; unha delas coas industrias auxiliares, que se constituiron nunha sociedade mercantil coa finalidade de cobrar as débedas, que suman arredor de 25 millóns de euros. Pero non só perseguen cobrar as débedas; a fin última é manter operativo o estaleiro, e tamén os proxectos contratados.

Neste sentido, a filial de PEMEX, PMI, accionista maioritario, e o grupo Albacora, chegaron a un acordo con Ritz-Carlton, propietaria do buque que aínda está en construción. Alberto Rocha, avogado das industrias auxiliares, cre que "se non conseguirmos nestes momentos salvar a situación o estaleiro pode crebar, entrar nunha situación de concurso e de disolución. Polo tanto, as industrias auxiliares están vendo isto con moita preocupación porque se están xogando unha importante cantidade de créditos que para estas empresas que son pemes pode supoñer a supervivencia ou non. E o futuro do traballo, porque que Barreras caia pode supoñer un efecto en cadea para toda a industria naval".

Para Alberto Rocha o máis importante é superar a situación actual e "porque neste sentido Ritz, que é o principal cliente deste estaleiro con tres barcos que se poden facer, pero cando menos un deles que se está facendo e se vai rematar porque a Ritz lle interesa, incluso asumindo os sobrecustos que son repsonsabilidade un pouco de todos. Pero se este barco se completa, e o segundo tamén, é fácil que haxa un futuro de negocio para o estaleiro nesa liña de traballo dos barcos de ultra luxo".

"A industria auxiliar o que quere é cobar o que se lle adebeda e ter traballo no futuro. E esas empresas, nun momento dado, deciden dar un paso importante e propoñen como sulución incluso capitalizar unha parte desa débeda para garantir a viabilidade de Barreras". E isto, asegura o avogado das auxiliares "foi, en xeral, ben acollido e negociamos practicamente con todos os actores".

Ademais, Alberto Rocha tamén quixo saír ao paso dos rumores que falan de que outras encargas de Barreras xa están perdidas. Para el trátase de informacións interesadas, e cre que haberá que negociar con quen encargou eses barcos porque é posible que a pesar de todo "lle interese que ao final se constrúan en Vigo".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí