CRTVG

Buscar

O campo galego súmase ás protestas do agro

Publicado o 19/02/2020 20:22

• Gandeiros e agricultores esixen na Coruña "un prezo xusto"

Gandeiros e agricultores galegos concentráronse ante a Delegación do Goberno en Galicia, no marco dunha mobilización convocada por Unións Agrarias para esixir "un prezo xusto" polos seus produtos. Nela, o secretario xeral desta organización, Roberto García, reclamou que se tipifique como delito o pago por baixo de custos de produción e que se impoñan, por iso, sancións.

A protesta, sen presenza de tractores e coa participación dunhas 300 persoas, segundo a Policía Local, discorreu sen incidencias ante a Delegación do Goberno en Galicia, con cuxo máximo responsable, Javier Losada, reuniuse unha representación dos asistentes á concentración.

"Na renda dun agricultor e un gandeiro é moi importante os custos de produción", sinalou, antes, en declaracións aos xornalistas, Roberto García, quen asegurou que no caso do sector agrícola "o problema é de marxes comerciais". "O que paga o consumidor repártese ao longo da cadea de maneira desigual con intermediarios que cobran tres ou catro veces o que se paga ao agricultor", expuxo sinalando como exemplo o caso da produción de patacas, sector representado na concentración deste mércores.

"En Xinzo páganse a 12 céntimos e na Coruña véndeno a 1,21 euros", sinalou como exemplo. En canto ao sector gandeiro, indicou que o problema se centra, fundamentalmente, "no uso do leite e o pito como produto de reclamo". Por iso, xunto á colaboración cidadá para evitar apoiar este tipo de promocións, reclamou a creación en Madrid de "unha mesa gandeira". "Que botamos en falta", engadiu sobre as conversacións xa existentes.

Doutra banda, requiriu á Xunta para que convoque unha mesa de negociación a nivel autonómico. "A parte de solidariedade, pedimos que lexislen", sentenciou en referencia ás súas demandas aos políticos. Respecto diso, insistiu en que a Administración galega ten "competencias" para abordar cuestións que demanda o sector, entre as que citou a posta en marcha dun "observatorio de prezos en Galicia".

O secretario xeral de Unións Agrarias incidiu, na mesma liña, en que por parte do sector da distribución e a industria "non cumpren" o código de boas prácticas "que as tractoradas de 2015 puxeron en marcha", polo que insistiu en que se sancionen determinados comportamentos. "Pagar por baixo do que custa producir ten que ser ilegal", recalcou non descartando se fose necesario máis protestas con tractores. Nos mesmos termos, pronunciáronse agricultores e gandeiros presentes na concentración. "Os prezos do leite son os de hai 30 anos", asegurou Anxo Dono, quen expuxo que, pola contra, pagan máis "polo gasoil e os cereais". "Estamos atosigados", resumiu María Paez. "O Estado e o Goberno teñen un problema porque o rural, que é o que produce, teno abandonado", apostilou.

A xuntanza co delegado do Goberno

Tras a reunión cos representantes de Unións Agrarias, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, comprometeuse a trasladar ao Executivo central as propostas do sector e os datos achegados.

"Para que aquilo que necesita o gandeiro, póidase facer". "Case todas as competencias son da Xunta", asegurou, no entanto, o delegado do Goberno sobre algunhas peticións.

A pesar diso, apuntou a outras estatais como as vinculadas con "as canles de distribución ou os prezos industriais". No caso do leite, defendeu que hai "un marco estable", sobre o que manifestou que "pode traballar" o Goberno e que así o trasladará ao Executivo central. Tamén insistiu na vontade do mesmo de "escoitar" a todos os sectores.

Á súa vez, Roberto García agradeceu ao delegado do Goberno que puidesen reunir con el e subliñou que "non chega só con boas intencións". "Temos que ir a unha formación de custos, a partir dos cales se constitúa o prezo", salientou, reclamando que "non se bote" aos galegos que están no rural polos problemas de rendibilidade.

Encerro de tractores en Pamplona

As protestas chegan a Navarra. En Pamplona o agricultores fixeron o seu particular encerro de San Fermín pedindo prezos xustos polo que producen.
"Hai produtos que teñen o mesmo prezo desde hai trinta anos", conta un agricultor navarro. "No 82 o trigo valía 32 pesetas, hoxe non chega a 30", explica outro.

1.000 tractores colapsan Granada 

En Granada un milleiro de tractores bloqueron a cidade dun extremo a outro. Con eles máis de 10.000 agricultores e gandeiros reclamaron medidas contra o despoboamento e unha mellor repartición das axudas europeas da PAC. "Que cheguen aos pequenos agricultores, que cheguen ás explotacións familiares", reclama o voceiro dunha asociación profesional agraria. "Non podemos sguir traballando do xeito en que estamos. É o momento de dicir basta xa! e darlle as grazas a cidadanía por entendernos e apoiarnos", di outro.

Cidadanía que estaba advertida da protesta, pero non contaba con que unha vez rematada os agricultores bloquearan durante horas a autovía de circunvalación da cidade.
O Goberno reiterou este mércores que apoia as reivindicacións da xente do agro. "Que defendan os seus dereitos, por suposto, que aperten para defender os seus dereitos. Teñen razón", aseguraba a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, nos corredores do Congreso.

As protestas estanse endurecendo en Almería. Un grupo de agricultores asaltou nas últimas horas esta empresa que distribúe tomates cultivados en Marrocos. Falan de competencia desleal de produtos baratos que non pasan os estritos controis europeos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/02/2020