CRTVG

Buscar

Adif retira os vagóns que guindou ao río Sil en Carballeda de Valdeorras

Publicado o 09/08/2020 21:00

Quedaba por sacar o último vagón, o que acabou no leito do Sil despois de levar por diante a arboreda da ribeira. Onte xa se desapareceu da paisaxe a unidade que quedara deitada sobre o noiro.

Durante toda a fin de semana Adif traballou para corrixir o incomprensible: optar por despexar a vía guindando os vagóns ao río. A Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil autorizaron o operativo esixindo a máxima protección ambiental.

O conselleiro do Medio Rural, José González, dixo que o Goberno galego agarda que "Adif faga o traballo con todos os requirimentos para evitar nesta situación de máxima alerta calquera risco de incendio forestal". 

Adif utilizou dous guindastres de oitenta toneladas para retirar os vagóns. Parte deles despezáronse sobre as vías. É o que queda do tren de mercadorías que descarrilou en Carballeda de Valdeorras o vinte e oito de xullo cando se dirixía a León. Desde entón a circulación na liña Ponferrada-Monforte está interrompida.

A Xunta de Galicia ten en marcha un expediente sancionador contra Adif por unha probable infracción grave contemplada na lei de residuos. A multa proposta ascende a trinta e cinco mil euros. Tamén a Fiscalía provincial de Ourense abriu dilixencias de oficio para investigar un posible delito contra o medio ambiente.

Noticias web

09/08/2020