CRTVG

Buscar

Adif investiga a "caída" dos vagóns do tren descarrilado en Carballeda ao río Sil

Publicado o 04/08/2020 16:19
Adif investiga a "caída" dos vagóns do tren descarrilado en Carballeda ao río Sil

Adif abriu unha investigación para aclarar a caída de dous vagóns do tren de mercadorías descarrilado o pasado 28 de xullo en Carballeda de Valdeorras (Ourense) ao río Sil.

Despois de que transcendesen unhas imaxes en que se pode ver como un dos vagóns cae ao río desde a zona en que descarrilara o convoi e outro que queda suspendido, fontes de Adif informaron de que o ente público abriu unha investigación para coñecer os detalles deste suceso.

Deste xeito, as fontes sinalaron que Adif analizará todas as actuacións efectuadas en relación a estes feitos e "depurará, no seu caso, responsabilidades".

Ademais, indicaron que se traballa na retirada dos dous vagóns da zona e na restauración da contorna "o máis axiña posible".

O tren, que circulaba pola liña Monforte-Ponferrada, sufriu un descarrilamento na tarde do pasado 28 de xullo ao seu paso por Carballeda de Valdeorras. Aínda que non se produciron danos persoais, o sinistro obrigou a cortar a vía ao quedar os vagóns envorcados na zona.

BNG, PSdeG e Galicia en Común piden a retirada dos vagóns

Precisamente, despois de que transcendese a caída dos vagóns ao río, o deputado do BNG, Néstor Rego, rexistrou unha iniciativa parlamentaria no Congreso a través da que pide a retirada inmediata destes para proceder a "reparar o dano ambiental causado". Ademais, pide que se lle comuniquen os feitos á Fiscalía.

O parlamentario nacionalista pediu ao Goberno investigar os motivos que levaron a Adif "a tomar a decisión de tirar os vagóns descarrilados ao río en lugar de retiralos de forma adecuada e reparar os danos causados na contorna, tal e como estipula a normativa".

Os nacionalistas, así mesmo, consideran que é necesario que se lle comunique á Fiscalía para que investigue esta conduta que podería ser constitutiva dun delito contra o medio ambiente e se depuren responsabilidades.

Noutro comunicado remitido aos medios, o PSdeG esixiu a Adif que retire de forma inmediata o vagón caído ao río e proceda á restitución dos danos ambientais causados.

Ademais, reclamou que se avalíe a situación dos outros vagóns que permanecen á beira da vía do tren e que se retiren "tomando todas as medidas de seguridade ambiental necesarias".

Noutro comunicado, Galicia en Común informou de que se puxo en contacto con Adif e co Ministerio de Transportes para pedirlles explicacións en relación aos vagóns envorcados ao río e asegurou que se manterán "vixiantes" para que a empresa pública cumpra os "compromisos adquiridos", que pasan por investigar o ocorrido.

A Xunta abre unha investigación sobre o suceso

Tamén a Xunta se dirixiu esta mañá a Adif para pedirlle explicacións pola caída dos vagóns do tren de mercadorías ao río Sil. En concreto, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, trasladoulle á empresa pública a súa preocupación pola situación xerada.

Xunto con isto, a Consellería de Medio Ambiente abriu unha investigación sobre a caída ao río Sil dos vagóns do tren descarrilado.

Ademais, segundo informou o departamento que dirixe Ethel Vázquez, a Xunta pediu información precisa sobre o protocolo de actuacións que se está levando a cabo para a retirada dos vagóns, co obxectivo de que se retiren canto antes e que se minimicen as afeccións á contorna.

"Quen contamina, paga"

Por outra banda, a entidade ecoloxista Amigos da Terra requiriu á Confederación Hidrográfica e á Consellería de Medio Ambiente a través dun comunicado que aplique á empresa responsable da vertedura o principio de "quen contamina, paga" que, segundo indica, regúlase na Lei de responsabilidade ambiental.

Para a entidade, os danos causados ao río "non poden quedar impunes" e as administracións teñen que adoptar as medidas preventivas apropiadas, recollidas na Lei de augas e na Lei de responsabilidade ambiental e cuxa sanción, segundo indican, podería carrexar multas de ata dous millóns de euros.