CRTVG

Buscar

Actualizar os dispositivos mellora a seguridade na Internet

Publicado o 30/11/2020 15:15

Usar Internet con sentido común é a mellor medida de seguridade para non ser vítima de estafas, acosos ou roubos de datos. O Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia recomenda ademais actualizar sempre os ordenadores e incorporar un bo antivirus.

O mesmo que unha oferta demasiado boa nunha tenda física fai desconfiar do produto, nunha compra online o usuario debe ter a mesma precaución. É unha das recomendacións do Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia á hora de usar Internet.

"Que naveguemos por zonas coñecidas, e que desconfiemos de calquera grande oferta e publicidade enganosa. Practicamente trasladar as recomedacións do noso día a día ao uso de Internet", di o presidente do Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia, Fernando Suárez.

Ter sempre os dispositivos en bo estado é o segundo consello importante que dan desde o Colexio de Enxeñeiros. "Sempre actualizar o ordenador, tanto o sistema operativo como as aplicacións. Telo ao día, porque moitas veces estas actualizacións o que fan e parchear, solucionar problemas de seguridade", explica.

O enxeñeiro advirte de que hai que ter en conta que o teléfono móbil tamén é un ordenador. "É un ordenador con moitísima capacidade, polo tanto implica as mesmas ou incluso máis medidas de seguridade, porque é más fácil extravialo ou que nolo rouben. Está mais exposto e levamos moita informacion persoal", di o enxeñeiro.

Usar programas orixinais, e non os piratas, e incorporar antivirus de calidade están tamén entre as recomendacións para navegar de xeito seguro pola Internet.

 

 

Noticias web

30/11/2020