CRTVG

Buscar

Falece un tripulante do avión sinistrado mentres colaboraba na extinción dun incendio en Lobios

Publicado o 08/08/2020 13:33

• 250 hectáreas afectadas no incendio de Toén

• O incendio de Navia de Suarna arrasou máis de 95 hectáreas

• Controlado o incendio orixinado en Tállara, Lousame: a superficie afectada é de 60 hectáreas

 

Un hidroavión portugués estrelouse na fronteira mentres colaboraba nos traballos de extinción do lume declarado no parque natural transfronteirizo de Geres-Xurés. O lume que comezou a pasada madrugada afecta ao concello galego de Lobios e ao portugués de Lindoso, onde se esnafrou o avión nunha zona montañosa.

Malia os esforzos dos efectivos de emerxencias, un dos tripulantes do hidroavión perdeu a vida. Trátase dun veciño de Portugal, duns 65 anos, segundo avanzan algúns xornais do país luso.  O outro tripulante, un español de 39 anos, sofre varios politraumatismos, segundo informou a Consellería do Medio Rural, e tivo que ser trasladado ao Hospital de Viana, en Portugal, a bordo dun helicóptero medicalizado.

Segundo precisaron a Europa Press fontes da Delegación do Goberno en Galicia, tratábase dunha aeronave CL-2015 da empresa civil Babcock, con sede en Matacán, Salamanca, á que o goberno de Portugal ten alugados tres avións.

O incendio en que o hidroavión prestaba labores de extinción rexistrouse ás 8 da mañá procedente de Portugal. O CIAE 112 Galicia solicitou a intervención dos servizos sanitarios, do GES de Lobios, Salvamento Aéreo e Rescate, así como da Garda Civil. Polo de agora, estímase que a superficie afectada neste incendio xira arredor das 70 hectáreas.

250 hectáreas afectadas no incendio de Toén

O lume que afecta ao concello ourensán de Toén continúa activo. Segundo a última actualización de Medio Rural, queimou xa unhas 250 hectáreas.
As altas temperaturas e o vento complicaban desde o primeiro momento o seu control. Na súa extinción traballa un amplo dispositivo, con 160 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias, que traballaron toda a noite
"Favoreceunos as temperaturas que baixaron, a humidade subiu e non fixo vento e favoreceu que o incencio baixase a súa intensidade e puidemos controlar a situación", di Carlos José Bustos, capitán da UME

O lume comezaba onte a media tarde na parroquia de Moreiras. Alí cren que puido ser intencionado.

"Viuse como en cuestión de 15 minutos plantaron de cinco sitios diferentes... é terrorífico, desolador", di unha veciña

Algúns veciños acudían esta mañá ás zonas queimadas para comprobar os danos causados nas súas fincas.


Lembraban con pesar como hai anos outro incendio arrasaba nesta mesma zona máis de mil hectáreas.

Segundo Medio Rural, nesta ocasión mobilizáronse para a súa extinción 10 avións, 9 helicópteros, 20 brigadas e 14 motobombas... que arestora continúan traballando.

Estabilizado o incendio de Navia de Suarna tras arrasar máis de 95 hectáreas

O incendio declarado no concello lucense de Navia de Suarna arrasou máis de 95 hectáreas e está estabilizado, segundo a Consellería de Medio Rural. Medios aéreos e terrestres de loita contra o lume traballan para controlar as lapas na parroquia do Son.

Referíase o conselleiro de Medio Rural hoxe á situación de todos estos lumes activos sobre todo na provincia de Ourense e Lugo. José Gonzalez falaba así, unha vez máis, sobre a intencionalidade .

A superficie afectada no incendio de Tállara, Lousame, é de 60 hectáreas

Segundo os últimos datos da Consellería de Medio Rural, o de Lousame, na parroquia de Tállara, está controlado. Rexistrouse arredor das cinco da mañá e contaba con dous focos. A superficie afectada é de  60 hectáreas e, na súa extinción, participa un hidroavión, un helicóptero, cinco axentes, 11 brigadas, nove motobombas e dúas pas. 

Así mesmo, permanece estabilizado o que se detectara ás 00:43 horas no municipio ourensán de Muíños, na parroquia de Requiás, que se produciu no mesmo lugar onde foron extinguidos outros dous incendios na madrugada anterior.  Afecta a unhas 50 hectáreas provisionais do Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés.

Está controlado desde as 23.14 horas da pasada noite o incendio do concello ourensán de Lobeira, na parroquia de Fraga, que tamén afecta o Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés. A superficie afectada neste caso é de preto de 30 hectáreas. 

E tamén está controlado desde as 19,27 horas do venres o incendio na parroquia de Pradorramisquedo, en Viana do Bolo (Ourense). Este lume comezara o luns e, segundo as últimas estimacións, afecta a unhas 200 hectáreas.