CRTVG

Buscar

Activado para este martes o aviso laranxa por temporal costeiro na Coruña e Pontevedra e por vento en Lugo

Publicado o 18/01/2021 19:50
Activado para este martes o aviso laranxa por temporal costeiro na Coruña e Pontevedra e por vento en Lugo

 A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia primeira da Xunta activou para este martes unha alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra e por vento na Mariña lucense.

Segundo os datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro afectará o noroeste, oeste e suroeste do litoral coruñés e a toda a costa da provincia de Pontevedra a partir da tarde deste martes, con vento do sur ou suroeste forza oito e mar combinada do suroeste, con ondas de ata sete metros.O resto da costa galega permanecerá en aviso amarelo.

A Aemet informa tamén dun fenómeno adverso de nivel laranxa por vento do sur e suroeste con refachos de ata 100 quilómetros por hora que afectará a partir da madrugada do mércores á Mariña de Lugo. Nas provincias da Coruña e Pontevedra o nivel de alerta será amarelo e espéranse refachos de 80 quilómetros por hora.

Por este motivo e co fin de garantir a seguridade de bens e persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincia afectada, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e os clubs náuticos, entre outros.