CRTVG

Buscar

Achan virus en superficies de cuartos de hospital desinfectados

Publicado o 20/10/2020 12:56
Achan virus en superficies de cuartos de hospital desinfectados

Investigadores do Instituto Murciano de Investigación Biosanitaria (IMIB) acharon virus SARS-CoV-2 en superficies de cristal e polipropileno do hospital Virxe da Arrixaca de Murcia a pesar de que o aire se renova cada minuto.

Os investigadores do IMIB fabricaron o que denominaron trampas covid en caixas cunha reixa protectora de plástico para evitar que o paciente ou o persoal sanitario puidesen tocalas, instalándoas nos boxes de afectados pola covid-19 ingresados tanto na UCI como nos cuartos do hospital Virxe da Arrixaca de Murcia en que se fixo este estudo.

Ás mostras fíxoselles a proba PCR observando nos resultados que en dous tipos de superficies (polipropileno e cristal) foron positivas na detección do SARS-CoV-2, a pesar de que o aire dos diferentes cuartos se renova completamente cada minuto e que este aire non é reciclado, senón que provén completamente do exterior, mostrando así a alta capacidade infecciosa do virus.

Estudo dunha situación real

Ata a data existían estudos previos nos que se analizaba a estabilidade de diferentes coronavirus en superficies, pero nestes casos os aerosois que contiñan coronavirus xeráronse artificialmente para crear un ambiente infeccioso. Neste caso foi detectada a presenza da covid-19 en situacións reais, non só en laboratorios.

O traballo, liderado polo doutor Esteban Orenes Piñero, responsable da Plataforma de Proteómica do IMIB, e publicado na revista Science of Total  Environment, analizou a posible contribución de diferentes superficies contaminadas polo SARS-CoV-2 á súa transmisión.

Orenes Piñero explica que "este estudo, serve, sobre todo, para guindar un pouco de luz sobre a capacidade de transmisión do virus SARS-CoV-2 a través de aerosois. Os resultados demostran que a capacidade de transmisión do virus mediante aerosois é moi alta, xa que o aire das habitacións do Hospital da Arrixaca renóvase unha vez por minuto e todo o aire é do exterior (non é reciclado)".

Unha xanela ao optimismo

Trátase dun estudo piloto, "cuxos resultados convidan o optimismo porque estas trampas poderán ser utilizadas para a detección precoz do virus en espazos pechados e públicos, tales como hospitais, colexios, institutos, cinemas, teatros e restaurantes", asegura este experto.

Desta forma, aforraríase moito tempo e diñeiro realizando medicións nestes lugares, evitando a realización de tests masivos e detectando precozmente a presenza do virus e, por tanto, "o peche do lugar para evitar novos contaxios”, engade o investigador principal do estudo.

O estudo apoia a recomendación de levar a cabo desinfeccións frecuentes das superficies de pacientes hospitalizados para evitar infeccións.