CRTVG

Buscar

Absolven a alcaldesa do Porriño por falsidade documental no exercicio da súa profesión de avogada

Publicado o 16/12/2019 17:30
Absolven a alcaldesa do Porriño por falsidade documental no exercicio da súa profesión de avogada

O Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra absolveu a avogada e alcaldesa do Porriño dos delitos de falsidade documental e deslealdade profesional dos que estaba acusada pola súa xestión como avogada nun asunto relacionado coa urbanización Pousa do Bispo, situada en Tui.

"A actitude da acusada é reprochable, pero ao non saír do ámbito privado da relación cliente-letrada e non ter acceso ao tráfico mercantil, a falsidade é inocua e a sentenza debe ser absolutoria", subliña o maxistrado.

"É innegable que os executantes sufriron prexuízos como consecuencia da conduta da acusada: tal e como resulta das testemuñais practicadas, viron atrasada a execución da sentenza durante vinte e dous meses, e durante ese tempo desapareceron parte dos bens da executada”, sinala o xuíz. Asemade, indica que, con todo, "aínda sendo a conduta axuizada absolutamente reprobable, en termos penais non se constata que sexa absolutamente intolerable, pois o prexuízo, aínda existindo, carece da concreción necesaria, xa que se descoñece cales son eses bens e sobre todo, de que valor".

O Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra vólvese a pronunciar sobre este caso despois de que a sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra revogase a primeira sentenza ao entender que non se contemplara o delito de deslealdade profesional que fora imputado pola Fiscalía, como xa se fai nesta resolución.