CRTVG

Buscar

A coidadora que matou o matrimonio de Arzúa queda en liberdade

Publicado o 25/10/2019 21:49

• Queda libre de responsabilidade criminal por alteración psíquica

• A sentenza determinará se debe ingresar nun centro psiquiátrico

O xurado por unanimidade considera que a acusada non é culpable das mortes dos dous anciáns que foron acoitelados en xullo de 2016 en Arzúa. O veredito si considera probado que ela foi a autora de dous homicidios dolosos, pero tamén establece que non se lle pode atribuír ningunha responsabilidade penal nos feitos debido á enfermidade mental da que está diagnosticada. Lido o veredito o xuíz decretou a posta en liberdade da acusada. Agora haberá que agardar a que o tribunal da Audiencia Provincial da Coruña dite sentenza.  

O xurado popular tivo en conta a eximente completa de alteración psíquica e ditaminou por unanimidade a absolución da acusada. Considera probado que foi a autora das mortes da parella de anciáns, de 98 e 84 anos, aos que ela mesma coidaba en xullo de 2016 en Arzúa. Sen embargo, o veredito tamén recolle que non pode ser considerada responsable penal dos crimes xa que nese momento non era consciente dos seus actos. A acusada está diagnosticada de esquizofrenia. Tras a lectura do veredito foi posta en liberdade. A Fiscalía xa solicitou que na sentenza, que deberá ditar o tribunal, se lle impoña como medida de seguridade o internamento por 30 anos nun centro psiquiátrico.

A defensa anuncia que recorrerá a sentenza en caso de que se decida o internamento nun centro.

Despois de cinco días de xuízo, o caso quedou visto para sentenza.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí