CRTVG

Buscar

Absoltos os 36 xogadores do Zaragoza-Levante

Publicado o 09/12/2019 19:55

O primeiro xuízo contra o amaño de partidos en España resolveuse cun veredicto de inocencia. Os 36 futbolistas acusados por Javier Tebas dun delito de corrupción deportiva no Zaragoza-Levante da temporada 2010-2011 resultaron absoltos. Entre eles Sergio Ballesteros que non aforrou críticas para o presidente da liga.

"Estivo 5 anos facendo declaracións, declaracións de todo tipo, fixo moito dano a moita xente. Hoxe a sentenza o que volve deixar claro é que quen acusa faino sen ningún tipo de fundamento, faino sen ningún tipo de criterio".

En realidade, a sentenza o que considera probado é que Agapito Iglesias, entón presidente do Zaragoza, e o seu director financeiro retiraron 1,7 millóns de euros das arcas do club maño ante a inminente entrada en concuros de acredores. E condénaos a un ano e tres meses de prisión por falsidade documental. O que non queda demostrado, segundo o xuíz, é que eses cartos se destinasen a amañar o partido. Aínda que hai evidencia de movemento nas contas dos xogadores do Levante resulta insuficiente para ser unha proba de fraude deportiva.

Así, 8 anos e medio despois, e sen unha sentenza exemplarizante como se agardaba, pecha o caso Levante-Zaragoza.

Noticias web

09/12/2019