CRTVG

Buscar

Abren os primeiros cines con ocupación limitada para manter as distancias

Publicado o 08/06/2020 20:44

Tras case tres meses baixada ás 5 desta tarde Cinesa volvía levantar a reixa dos seus cines en Santiago.

Non tardaría moito en chegar o primeiro espectador, recibido entre aplausos como unha estrea merece. (ambiente)

Malia que este fase 3 xa permite a ocupación das salas ao 50% de momento só se venderán o 30% das butacas.

"As cadeiras van estar de dúas en dúas, tamén se pode mercar unha e as seguintes van estar bloqueadas. O noso persoal vai estar aí constantemente para axudar e informar os clientes.Tamén os van acompañar á sala e despois á saída para que sexa unha saída ordenada, mantendo as distancias", asegura Benito Caamaño, responsable de Cinesa.

Os espectadores son recibidos con xel hidroalcólico na entrada, marcas no chan para garantir a distancia e menos sesións e graduais.

"Non queremos que haxa demasiada xente nas zonas comúns e que non se poida garantir a distancia de seguridade. Tamén por un tema de limpeza", explica o responsable de Cinesa.

Os espectadores coincidían, estaban desexando ver cine en pantalla grande e séntense completamente seguros.

"Vou ver unha película cunha amiga. Durante a corentena vin cine na tableta ou na tele, pero moito mellor no cine", di o mozo que entrou de primeiro.

"Xa me tardaba. Veño ver unha que me quedou atrasada sen ver. Penso que o cine é un lugar máis seguro ca un supermercado", di outro espectador.

"Durante estes meses consumimos moitísimo cine na casa, pero o cinema en pantalla grande, en sala escura, con xente -ainda que sexa mantendo a distancia- evidentemente é unha experiencia diferente", explica o crítico de cine Miguel Anxo Fernández.

Na carteleira, iso si, haberá que esperar para ver estreas. De momento podemos ver as mesmas películas que se proxectaban cando se decretou o estado de alarma.

Dende o sector agardan ir abrindo progresivamente as salas e que cara a finais de xuño estean todas en funcionamento.

 

Noticias web

08/06/2020