CRTVG

Buscar

Abre un biocentro de procesamento de carne en Friol para exportar carne ecolóxica a toda Europa

Publicado o 30/12/2019 14:53

Despois de emigrar a Bélxica e labrar un futuro alí, Manuel Gómez decidiu volver ás terras da familia no lugar de Traloagro, no concello lugués de Friol. Xunto cos seus fillos Isabelle e Tito puxo en marcha unha gandería de vacún e de avicultura que decidiron facer baixo as regras da agricultura ecolóxica, como conta Isabelle: "Meus pais emigraron, nós nacemos en Bruxelas, criámonos alí e quixemos volver ás orixes ao pobo. Un pouco tamén a cultura centroeuropea influía por aí, porque estaba máis desenvolvido o tema do ecolóxico e bueno, tivémolo claro desde o primeiro que queriamos estar en ecolóxico".

Decididos a facer a comercialización do que producían para evitar intermediarios, abriron na praza de abastos de Lugo  a primeira carnicería ecolóxica da cidade. Agora acaban de poñer en marcha no polígono industiral de Friol un biocentro de procesado e elaboración de produtos de carne ecolóxica, co que teñen previsto poñer no mercado uns 700 canais de vacún ao ano, con destino aos países centroeuropeos, donde esta carne está máis demandada.

"O biocentro vainos dar abastecemento para os dous puntos de venda, o da praza e máis aquí a nivel local, pero ademáis está pensado para outras liñas de negocio máis fortes, que sería abarcar mercado de Francia e Bélxica principalmente, e tamén a nivel nacional".

Unha aposta polo ecolóxico que tamén se pode ver na ecotenda asociada ao biocentro, onde o cen por cento dos produtos son certificados, moitos deles doutros produtores de Friol, un dos concellos con máis explotacións ecolóxicas de Galicia.

 

Noticias web

30/12/2019