CRTVG

Buscar

Aberta a campaña do polbo, nécora e lumbrigante

Publicado o 01/07/2020 22:06

Abriu a veda do polbo, a nécora e o lumbrigante. Os mariscadores saíron de madugada botar as nasas e a mediodía as capturas de nécora eran escasas na zona de Arousa. A veda do polbo estará aberta ata que se fixe a de 2021, e a da nécora e o lumbrigante ata o 31 de decembro.

Desde esta mañá está aberta a veda do polbo, despois dun mes pechada. Ata o vindeiro 31 de agosto a cota de captura será de trinta quilos por barco e día, máis 30 quilos por cada tripulante enrolado, ata un máximo de 210 quilos por xornada.

No resto da campaña, ata que se decrete a nova veda en 2021, poderanse capturar 50 quilos por barco e día e 50 máis por mariñeiro, ata 350 quilos diarios. Os barcos poden traballar de seis da mañá a catro da tarde, e o descanso de fin de semana é obrigatorio.

Entre cabo Silleiro e Corrubedo as nasas teñen que levantarse do caladoiro cada día, agás algunhas excepcións en fondos superiores a vinte metros de profundidade. No resto do litoral poden permanecer no mar dun día para outro e no descanso de fin de semana.

En canto á nécora e ao lumbrigante, en veda desde hai seis meses, poderanse capturar ata o 31 de decembro.

As normas de explotación da nécora son as do plan experimental, vixente ata xullo de 2021, que establece o número de nasas en función do tamaño do barco e número de tripulantes enrolados.

Segundo este plan, as nasas só se poden lanzar de noite, agás nas rías de Arousa e Vigo, onde tamén poden lanzar de día. En ningún caso poden quedar dun día para outro, senón que ao remate da xornada os mariñeiros teñen que levalas a porto.

Na campaña do ano pasado capturáronse algo máis de 113.000 quilos de nécora en toda Galicia, que se venderon en lonxa a uns 17 euros o quilo de media, o que supuxo un total de 1,92 millóns de euros.

Noticias web

01/07/2020