CRTVG

Buscar

Abanca suspende a repartición de dividendos ata outubro por causa do coronavirus

Publicado o 29/04/2020 07:06
Abanca suspende a repartición de dividendos ata outubro por causa do coronavirus

Abanca decidiu suspender a distribución de dividendos ata o próximo mes de outubro, por mor do coronavirus, co fin de se converter nun "actor clave" á hora de apoiar as necesidades de empresas e particulares afectados pola pandemia tanto en España como en Portugal.

Esta decisión, aprobada polo seu consello de administración e comunicada este martes á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), adoptouse a pesar de cumprir "folgadamente" os requisitos de solvencia e de dispoñer de "colchóns de capital" respecto aos mínimos regulatorios esixidos, segundo a entidade.

Deste xeito, Abanca adhírese ás recomendacións do Banco Central Europeo (BCE).

A entidade, que botou man dos resultados de 2019, afirmou que afronta este escenario económico como "unha das entidades máis saneadas do sistema financeiro español".

Así, refírese, entre outros parámetros, á súa robusta posición financeira ao ter unha "sólida posición de solvencia" e de liquidez, ao contar a 31 de decembro do ano pasado con 7.868 millóns de euros de activos líquidos, segundo a nota que enviou á CNMV.

Hai cinco días, Moody's anunciou que baixaba a perspectiva de positiva a estable de Abanca, con motivo da COVID-19, e xustificouno na deterioración da contorna económica de España por causa da pandemia.

Ademais, de Abanca, a axencia rebaixou a perspectiva doutras tres entidades financeiras españolas, xa que todas elas estaban expostas ao empeoramento da calidade dos seus activos a pesar do gran paquete de axuda posto en marcha polo Goberno e das medidas de supervisión decididas polo Banco Central Europeo (BCE).

Moody's prevía un aumento dos préstamos problemáticos debido aos graves problemas que atravesan os fogares e as empresas, e tamén unha deterioración da rendibilidade destas entidades, por mor das maiores provisións e do aumento da morosidade