CRTVG

Buscar

Abanca outórgalle un préstamo de cinco millóns ao Deportivo, dous deles para as fichaxes

Publicado o 09/01/2020 19:20

Os cinco millóns de euros produto do acordo con Abanca permitiranlle ao Deportivo ampliar en dous o tope salarial e acometer reforzos para saír do pozo, como define o futuro presidente herculino, Fernando Vidal:  "Viamos o equipo sen remedio na segunda división B e mesmo ao borde da desaparición. Eu creo que aí temos unha bola de máis para podermos salvar o set. Penso que isto nos vai dar auga, luz, de todo, é dicir, enerxía, gasolina, para podermos ser competitivos xa nesta segunda volta"

Outro tanto poderá usar no verán. Abanca capitalizará os cinco millóns en accións e o Deportivo acometerá unha ampliación de capital por dez millóns. "E a partir de aí ábrese un período de transición, de estudio económico da viabilidade do club para poder reducir a débeda todo o posible para que o club sexa competitivo en segunda, co obxectivo claro no medio prazo, á maior brevidade posible, de levalo outra vez á liga dos grandes", explica Vidal.

Coa súa achega, a entidade bancaria será accionista principal da entidade. Único xeito de garantir o futuro do club. "Aquí fai falta diñeiro porque isto vaise, vai abaixo e estamos agora mesmo loitando por non baixar a segunda B. Xa non quero pensar se baixamos a segunda B, non o quero pensar noutro escenario, é causa de disolución da sociedade e se non asinaramos o préstamo con Abanca no seu momento, con Facenda coma acredor... tédeo claro, estabamos fulminados.", sinala o único candidato á presidencia do Deportivo.

O plan debe ser aprobado nunha xunta de accionistas unha vez que sexa nomeado presidente Vidal a vindeira semana

Noticias web

09/01/2020