CRTVG

Buscar

A Xunta, satisfeita co ditame do Supremo sobre a regulación das vivendas turísticas

Publicado o 09/01/2020 14:51

Satisfacción na Xunta despois de que o Supremo avale o decreto sobre o alugueiro de vivendas turísticas en Galicia. O alto tribunal ditamina que non se comercialicen por cuartos. Os pisos e as casas terán que alugarse na súa totalidade, como recolle o regulamento autonómico.

As vivendas turísticas terán que comercializarse en Galicia na súa totalidade, e non por cuartos. A xustiza dálle a razón á Xunta neste punto cuestionado no decreto galego sobre o alugueiro deste tipo de vivendas.

Desde a directiva da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, Aviturga, avalian a decisión. Óscar Soneira eplica que "non nos parece mal a regulación. Parécenos mal a prohibición. É certo que non prexudica os propietarios de Aviturga, porque alugan todos vivendas completas, pero parécenos que había que regular todas as figuras aloxativas".

Un ditame do Supremo anula a sentenza de hai dous meses en que o mesmo Tribunal permitía o alugueiro por estancias a petición da Avogacía do Estado. Agora rectifica, acepta as reclamacións da Xunta e avala a normativa galega. A directora de Turismo Galicia, Nava Castro, di que reciben o ditame "con moita satisfacción, desde o momento en que nós estabamos convencidos de que no noso regulamento estaba ben recollido, que non se permitía alugar por cuarto".

En Galicia hai na actualidade preto de 9.900 vivendas de uso turístico. Sanxenxo e Santiago concentran a maior oferta.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/01/2020