CRTVG

Buscar

A Xunta rexeita o proxecto da mina de Touro por falta de "sustentabilidade ambiental"

Publicado o 28/01/2020 16:54

A Xunta rexeitou o proxecto da mina de cobre dos municipios coruñeses de Touro e O Pino, xa que "tal e como estaba redactado non se garantía a sustentabilidade ambiental".   

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, informou de que este martes se asinou unha declaración de impacto ambiental (DIA) negativa, tras haber dous informes "desfavorables" e "insalvables" de Patrimonio Natural e de Augas de Galicia.   

Así, detallou que os informes técnicos recollen a afectación do proxecto mineiro na "calidade das augas" dos municipios do Pino e Touro, á vez que "se hai un desastre" non se garante a protección dunha zona de especial conservación (ZEC).   

Agora, esta declaración ambiental negativa é trasladada á Consellería de Industria para que se poña fin ao proxecto. Con todo, Ángeles Vázquez explicou que a vía que queda á mineira, "como todo promotor", é a de "recorrer ao contencioso".

A Xunta rexeita o proxecto da mina de cobre de Touro. A Consellería de Medio Ambiente emite unha declaración de impacto ambiental desfavorable baseada nos informes negativos de Patrimonio Natural e Augas de Galicia.  A Consellería de Medio Ambiente xa lle trasladou o ditame á Consellería de Industria para que poña fin definitivamente ao proxecto mineiro en Touro. 

"O Goberno galego, como non pode ser doutro xeito, con total claridade e rigor e despois de todos os informes sectoriais opta polos informes técnicos desfavorables. Nós temos unha obriga, que é velar pola sustentabilidade económica, pero tamén medio ambiental. Tal e como está redactado o proxecto, non se garantía a sustentabilidade medioambiental", afirma Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente.