CRTVG

Buscar

A Xunta rexeita medidas paliativas e mantén a intención de reclamar nos tribunais os 200 millóns do IVE

Publicado o 07/02/2020 22:32
A Xunta rexeita medidas paliativas e mantén a intención de reclamar nos tribunais os 200 millóns do IVE

O conselleiro de  Facenda, Valeriano Martínez, ratificou este venres que, tras a reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira, a postura de Galicia non variou, polo que mantén a intención de acudir aos tribunais para reclamar os 200 millóns da mensualidade do IVE de decembro de 2017. 

Iso si, percibe unha apertura ao diálogo e ve un cambio de actitude por parte do Executivo, que puxo sobre a mesa medidas paliativas ligadas ao déficit das que "haberá que seguir falando" porque "ten que haber unha cuantificación", dixo Martínez en declaracións aos medios.

Tamén asegurou que non pode "saír contento" do encontro. Ratificou que, a día de hoxe, Galicia non variou a súa postura en relación a acudir á Xustiza polo IVE. Tamén advertiu de que a comunidade non vai renunciar aos 170 millóns que esixe por cumprir as regras fiscais. Explicou que o que non poden permitir as comunidades é "que se lles impute a elas a débeda". "As autonomías non provocaron esta situación, dixo o conselleiro, e o que precisan "son os ingresos de cada un, non máis débeda".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí