CRTVG

Buscar

Renfe pecha a venda presencial de billetes en oito estacións galegas

Publicado o 27/12/2019 19:48
Renfe pecha a venda presencial de billetes en oito estacións galegas

A Xunta expresou ao operador público Renfe a súa "oposición frontal" ao peche de portelos de venda de billetes de tren en varias estacións de ferrocarril o próximo 31 de decembro. Nun comunicado, o director xeral de Mobilidade da Xunta, Ignacio Maestro, indica que enviou unha carta ao representante de Renfe en Galicia, Javier Pérez, para mostrarlle o seu desacordo pola decisión do operador de pechar os portelos en Ortigueira, Burela, Sarria, Viveiro, O Carballiño, Ribadavia, Guillarei e Redondela.

Engade que "eliminar esa atención presencial aos viaxeiros desas localidades supós ir contra os principios de mantemento de servizos de calidade e proximidade aos cidadáns no ámbito rural, que deben primar sobre os meros obxectivos económicos". Por iso, o Goberno galego reclama que se manteñan os portelos para que os viaxeiros poidan comprar billetes de tren co obxectivo de "garantir e preservar en igualdade de condicións a calidade dos servizos a todos os cidadáns".

A Xunta reclama así a Renfe que se "reformule" tal decisión e "valore o mantemento da atención presencial aos viaxeiros", como fixo hai dous anos, cando abandonou o plan de peche das estacións dalgunhas das citadas estacións.