CRTVG

Buscar

A Xunta presenta un plan de reactivación que mobilizará máis de 3.000 millóns

Publicado o 05/06/2020 14:41

O Consello da Xunta aprobou hoxe un plan de reactivación e dinamización económica e social para facerlle fronte á crise derivada da pandemia de coronavirus. O plan estará dotado, segundo anunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, con 1.741 millóns de euros de fondos públicos, tanto procedentes da Unión Europea como do Goberno central, ademais de fondos propios da autonomía reprogramados a este fin.

Segundo dixo Núñez Feijóo, esta inxección económica mobilizará outros 1.300 millóns de euros de recursos privados.

"O que facemos é marcar as nosas prioridades, tendencias e políticas", afirmou o presidente da Xunta, dentro dun plan que "someteremos ao diálogo social e levaremos na próxima lexislatura se gobernamos ao Parlamento de Galicia".

A Xunta elaborou este plan tras analizar os informes elaborados polo comité de expertos económicos e grandes empresas galegas como Inditex, GKN ou Reganosa. O comité fixo as súas propostas en catro documentos sobre apoio á liquidez, flexibilidade das relacións laborais, solvencia e impulso á dinamización da economía. Os expertos recomendan dunha maneira moi clara apostar por proxectos tractores.

Por outra banda, o Consello da Xunta acordou hoxe ampliar o aprazamento do pagamento de impostos ata o 1 de novembro. As "vacacións fiscais", como as denominou o presidente, beneficiarán 31.000 familias.