CRTVG

Buscar

A Xunta pide que o sector pesqueiro sexa "prioritario" na vacinación

Publicado o 02/03/2021 12:39
A Xunta pide que o sector pesqueiro sexa "prioritario" na vacinación

A Conselleira do mar pide que o sector pesqueiro sexa "prioritario" na campaña de vacinación contra a covid-19. Estima necesario que as tripulacións dos barcos poidan inmunizarse canto antes.

Rosa Quintana lembra que adoitan ter "limitacións de espazo para poder cumpriren coas normas sanitarias de distanciamento social" e moitas veces "non poden traballar coa máscara", asegura.

Ademais, subliña, moitas veces "tardan tres meses en chegar a porto onde poden ter asistencia médica". Por todas estas razóns, considera "xustificado" que sexan dos primeiros en recibir a vacina.

O caso do Argos Pereira

Hai quince días, un pesqueiro vigués, de bandeira británica, reeditou no Uruguai parte da historia vivida o pasado ano coa chegada ao país suramericano do cruceiro australiano Greg Mortimer. 

O Argos Pereira estivo atracado no porto de Montevideo dende o 11 de febreiro porque 28 das 54 persoas que ían abordo deron positivo. Esta fin de semana continuaron viaxe tras recibiren a alta case toda a tripulación.

En Montevideo quedaron catro persoas, unha hospiatalizada e outras tres facendo corentena nun hotel. Serán repatriadas cando as condicións sanitarias o permitan.