CRTVG

Buscar

A Xunta pide a convocatoria da Mesa de Seguimento sobre Endesa As Pontes e o Goberno asegura que non abandonará os traballadores

Publicado o 28/11/2019 21:24

O peche de Endesa antes do ano 2022 di o delegado do Goberno en Galicia que é unha decisión empresarial, pero recorda que Pedro Sánchez se comprometeu a non abandonar ningún territorio afectado pola obsolescencia do carbón. Javier Losada mantén que o Goberno central procurará unha transición enerxética xusta coa implicación de todos os ministerios con competencia.

"Solucións para os empregados de Endesa, para as empresas auxiliares, para as empresas da contorna. Solucións para reindustrializar, subvencionar novas formas de traballo e tamén buscar para Endesa, para a central novos elementos de consecución de enerxía eléctrica", di Javier Losada, delegado do Goberno en Galicia.

Pero a Xunta quere que Endesa e o Goberno central expliquen con transparencia os seus plans respecto á central. Por iso lle pide por escrito ao executivo a convocatoria urxente da Mesa de Seguimento sobre Endesa As Pontes.

"O que lles pedimos á empresa e ao Goberno é claridade, certeza e, sobre todo, cales son as medidas que van establecer para garantir a reactividade da planta e que polo tanto teñamos esa oportunidade de futuro para 700 familias", asegura Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria.

A Xunta mantén que a única solución posible é a reactivación da actividade da central das Pontes para que poida optar aos fondos que a Unión Europea prepara para investir en alternativas ao carbón.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/11/2019

Máis sobre As Pontes de García Rodríguez

As Pontes 7-0 Pontellas
17/02/2020 11:09