CRTVG

Buscar

A Xunta pecha 63 concellos, incluídas as sete cidades, e fixa o toque de queda ás 22 h

Publicado o 13/01/2021 15:15

• O DOG publica as medidas que entran en vigor este venres

• Só se permiten reunións de catro persoas como máximo

A hostalería debe pechar ás 18:00, e o comercio, ás 21:30

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou as novas restricións acordadas tras analizar a evolución da pandemia no comité clínico.

Adiántase o toque de queda ás 22:00, as sete grandes cidades quedan pechadas perimetralmente e as reunións, tanto en espazos públicos como privados, deben de ser dun máximo de catro persoas non conviventes

Todos os concellos galegos están nos dous niveis de alerta máis altos, o que implica que a hostalería ten que pechar en toda a comunidade ás 18:00. 

A terceira onda xa está aquí, e o Goberno galego viuse na obriga de endurecer as medidas para frear a expansión do coronavirus.

O comité clínico solicita a máxima prevención e as medidas entrarán en vigor este venres.

Con carácter xeral, o nivel medio-alto aplícase en toda Galicia.

Medidas xerais no nivel medio-alto

• As reunións privadas en lugares públicos só poden ser dun máximo de catro persoas.

Toque de queda ás dez da noite, peche do comercio ás 21:30 e tendas ao 50 % da capacidade.

A hostalería só pode estar aberta ata as 18:00, con terrazas ao 50 % e interior ao 30 %. A partir das 18:00, a actividade da hostalería non está permitida.

Non se poden facer reunións de non conviventes nos domicilios a partir das 18:00

• Os centros recreativos só poden estar ao 50 % da súa capacidade.

• As actividades deportivas non federadas serán dun máximo de catro persoas e nos espazos interiores non se pode superar o 50 %.

• Cines, teatro e auditorios, con espectadores sempre sentados, terán 250 persoas en espazos pechados e 500 en espazos abertos como máximo.

• As visitas hospitalarias circunscríbense a unha persoa por paciente, salvo casos excepcionais.

• Respecto á mobilidade, os concellos non se pechan, agás os municipios de Lugo, Pontevedra e Vigo. Nestas tres cidades si se pecha a nivel municipal, salvo para os casos xustificados: laboral, académico e de asistencia.

• A recomendación é que se limite a mobilidade innecesaria.

Medidas nivel máximo

• Estas medias afectan un total de 60 concellos.

- 30 concellos na provincia da Coruña: A Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Carballo, Santiago de Compostela, Ames, Ribeira, Boiro, Rianxo, Noia, Ferrol, Narón, Fene, Cee, Camariñas, Cerceda, Laxe, Vimizano, Cabanas, Pontedeume, Ortigueira, Outes, Porto do Son, A Pobra do Caramiñal, Melide, Oroso, Trazo e O Val do Dubra.  

- 3 concellos na provincia de Lugo: Vilalba, Viveiro e Xove.

- 7 concellos na provincia de Ourense: Ourense, Barbadás, Carballiño, Verín, Allariz, Monterrei e Xinzo de Limia.

- 20 concellos na provincia de Pontevedra: A Estrada, Poio, Bueu, Moaña, Baiona, Ponteareas, Redondela, A Guarda, Tomiño, Tui, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Valga, Pontecesures, Caldas de Reis, Cuntis, Oia, O Rosal e Salvaterra de Miño.

O interior da hostalería estará pechada e só se poderá atender nas terrazas ata as 18:00, a entrega a domicilio é sen límite.

• Os establecementos de xogo non poderán abrir as súas portas. 

Nos centros comerciais reducirase a capacidade nas tendas ao 30 %.

• Os concellos quedan illados de xeito individual.

Así, desde este venres haberá un 47 % da poboación galega con restricións máximas, o que non implica peche perimetral dos seus municipios, e un total de 64,3 por cento que si terá prohibida a mobilidade fóra da súa localidade, incluíndo as sete cidades galegas.

Feijóo xustificou que estas medidas se adoptan para evitar que se alcance en febreiro un pico da pandemia similar ao da primeira onda de abril, polo que estas restricións, que inclúen o peche do comercio ás nove e media, poderíanse manter ata mediados do próximo mes.

Por iso, reclamou a todos os galegos que se evite calquera mobilidade "non esencial" e que non se tenten "trasladar os bares ás casas" a partir das seis da tarde, polo que a recomendación é que non se fagan reunións de non conviventes nos domicilios.

Aínda que admitiu que é "inxusto" o peche da hostalería, considera que é "inevitable". "Se temos que elixir entre UCI colapsadas e bares pechados, a nosa obrigación ética, moral e política é que as UCI non se colapsen", aseverou.

Advertiu que a comunidade vive un momento "especialmente preocupante", cunha incidencia acumulada a 14 días de 325 casos por cada 100.000 habitantes, e de 207 a 7 días, case o dobre que hai un mes, aínda que estas cifras seguen por baixo das cifras da media española.

A presión hospitalaria é "mellor" que cando se adoptaron restricións similares ao comezo da segunda onda, en novembro; con todo, "a tendencia é peor" ca entón, insistiu, polo que "se non se fai nada", Galicia veríase a mediados do mes de febreiro en pico da pandemia similar ao de abril cun límite máximo de ocupación de UCI.

En todo caso, descartou un confinamento xeral da poboación galega para frear a expansión do coronavirus e considerou que as restricións e recomendacións "moi estritas" realizadas producirán un "efecto moi parecido" se se cumpren. 

Tras explicar estas medidas, Feijóo instou a non "autoenganarse" co cumprimento das mesmas, así como das recomendacións realizadas para que os únicos encontros en domicilios sexan dentro da unidade de conviventes.

"Espérannos semanas moi duras", advertiu. "Se non tomamos medidas acabaremos mal e aínda se tomamos medidas vai ser unha loita titánica na que é necesario o compromiso dos cidadáns galegos", concluíu o presidente galego.