CRTVG

Buscar

A Xunta pecha a hostalería e as actividades non esenciais en Arteixo, Xinzo e Viveiro

Publicado o 19/01/2021 12:30

A Consellería de Sanidade ordenou o peche completo da hostalería e a suspensión de actividades non esenciais en tres municipios: Arteixo, Viveiro e Xinzo, municipios de máis de 10.000 habitantes que preocupan os expertos de forma especial porque presentan unha incidencia por encima dos 1.000 casos por 100.000 habitantes a 14 días.

Así o explicou o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña, que compareceu en conferencia de prensa para informar sobre as decisións tomadas este luns no seo do comité clínico de expertos que asesora a Xunta en materia de coronavirus. Son medidas "tremendamente duras", dixo.

Ademais de incorporar 55 concellos adicionais ao nivel de restrición máximo, García Comesaña explicou a "especial preocupación" da Xunta pola evolución da covid−19 nestes tres municipios, que teñen "un número importante de habitantes" e presentan unha incidencia catro veces superior ao límite de alerta.

Por iso, establece un nivel especial de restricións para Arteixo, Xinzo e Viveiro, onde deberá cerrar por completo a hostalería e suspenderse as actividades non esenciais.

Arteixo estaba con 1.300 casos por cada cen mil habitantes a 14 días, Viveiro por encima dos 1.600 e Xinzo dos 1.900. O sector hostaleiro soamente poderá manter nestas zonas o servizo a domicilio.

Ademais, nestes tres concellos non estarán permitidas as reunións de non conviventes.

O xerente do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) José Flores indicou na conferencia de prensa que se nota o aumento de casos no incremento da presión asistencial, onde os datos "son motivo de preocupación".

A taxa de positividade está no 10 %, "no límite" do tolerable pola Organización Mundial da Saúde (OMS), que diferencia entre o dez, soportable, e o cinco, indicador co que dá por controlada a pandemia.

A directora xeral de Saúde Pública da Xunta Carmen Durán indicou que a incidencia acumulada na Comunidade é, a 14 días, de 485 casos por cada cen mil habitantes, e a sete días é de 297,6. "Estamos ante un crecemento importante", recoñeceu, aínda que quixo marcar "distancia" cos datos de España, que son 698 a 14 días, 379 a sete e 17,4 % a súa porcentaxe de positividade. 

Suspensión da actividade deportiva federada de ámbito autonómico

Sanidade tamén decretou a suspensión de todas as competicións deportivas federadas de ámbito autónomico. Polo momento, mantéñense as de ámbito estatal.

No que ten que ver cos adestramentos, estes poderanse facer con carácter individual ou en grupos de como máximo catro persoas e respectando as limitacións de toque de recollida e peches perimetrais que se veñen aplicando.

Para os vestiarios de ximnasios haberá instrucións concretas que se definirán na orde que se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) e entrará en vigor na noite do mércores ao xoves, relativas principalmente ás ocupacións destes espazos, que se reducirán, e á prohibición do uso das duchas.

Posibilidade de modificar o toque de recollida

O conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña mostrouse partidario de que as comunidades autónomas teñan ferramentas que lles outorguen a "posibilidade" de adecuar o toque de recollida, xa sexa con carácter xeral, ou de modo diferenciado, vía "medidas cirúrxicas", en función de como estea a situación epidemiolóxica en cada municipio.

A semana pasada, lembrou o responsable deste departamento autonómico, baixouse das once da noite ás dez, de modo homoxéneo, unha posibilidade que si estaba permitida.

"Se puidésemos baixar ese horario, non o descartariamos", dixo Comesaña, que ve "oportuno" ter esa posibilidade.

Actuaría a Xunta con carácter xeral, en caso de dispoñer desa potestade, pois Comesaña dixo que isto é o idóneo e o que se fixo ata o de agora.

García Comesaña pediu "mobilidade mínima", usar sempre máscara e reunións "só de persoas conviventes", aínda que se permitan os encontros con alleos. "Hai transmisión comunitaria", remarcou o conselleiro.

A Xunta non considera, de momento, a instalación de hospitais de campaña, a pesar de que a velocidade á que aumentan a diario os ingresos nas unidades de críticos é "preocupante", segundo recoñeceu o conselleiro.

Segundo o último parte actualizado do Servizo Galego de Saúde, son 114 os pacientes ingresados nas UCI, dez máis que o domingo e 44 máis que hai unha semana, e 664 en planta, 117 máis nas últimas 24 horas. Comesaña admitiu que a situación actual "non gusta".

A pesar de que aínda están "lonxe" cífras récord de 939 hospitalizados e 178 ingresados en UCI do pasado abril, que en Sanidade manexan como "unha referencia", "preocupa a velocidade a que podemos chegar a eses datos", deixou caer.

"Non queremos chegar a eses valores, e se chegamos, activariamos as seguintes fases" de emerxencia, dixo.

Nestes momentos, os hospitais de Galicia están na fase dúas de catro en canto a niveis de ocupación. Máis aló dese tope "habería que recorrer a outros dispositivos", como, por exemplo, os hospitais de campaña, que de momento non están sobre a mesa, recalcou o conselleiro.