CRTVG

Buscar

Nove concellos galegos afectados pola couza poderán volver plantar

Publicado o 19/11/2020 18:26
Nove concellos galegos afectados pola couza poderán volver plantar

A Xunta levantará a prohibición de plantar pataca en nove municipios das provincias da Coruña e Lugo afectados pola couza guatemalteca, unha das pragas de maior impacto económico para este cultivo.

A medida foi acordada na comisión de seguimento desta praga e farase efectiva en canto saia publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), informa o Goberno galego nun comunicado.

O levantamento da prohibición de plantar pataca beneficiará os agricultores dos concellos coruñeses de Cariño, Ortigueira e Neda, e os dos municipios lucenses de Lourenzá, A Pastoriza, A Pontenova, Riotorto, Ribadeo e O Valadouro.

Ao non rexistraren ningunha captura nos dous últimos anos, estas localidades deixarán de ser consideradas zonas infestadas pola couza e pasarán a englobarse na demarcada como zona tampón.

Desta forma, nestes municipios permitirase plantar pataca, pero farase un seguimento exhaustivo das plantacións por parte da Consellería do Medio Rural, que manterá as demais medidas de control e vixilancia previstas na lexislación co obxectivo último de controlar a expansión da couza.

Nese sentido, tras a comisión deste xoves, estableceuse a data do 1 de abril como o prazo máximo para presentar as declaracións de cultivo nas zonas tampón.

A comezos de ano, xa se levantou a prohibición de plantar pataca nos municipios coruñeses de Ares, Mugardos, Cabanas, Fene, Ferrol, A Capela e As Pontes de García Rodríguez, e nos lucenses de Ourol e Abadín, ao pasaren de ser concellos infestados a zonas declaradas como tampón.

En todos eles, confirmouse a ausencia de capturas de couza guatemalteca no que vai de 2020, pero mantívose igualmente o control das plantacións, sinala a Xunta.