CRTVG

Buscar

A Xunta intervén a residencia de maiores El Pinar en Culleredo ao se detectar un gromo con 28 positivos

Publicado o 20/09/2020 21:32

• Realízase o protocolo de seguimento médico dos contaxiados

• Terceira residencia intervida, tras as do Incio e Outeiro de Rei

• Galicia rexistra 716 falecementos, con catro novas vítimas

A Xunta interveu hoxe unha residencia en Culleredo, a residencia El Pinar. Detectáronse alí 28 casos positivos. Vinte e un dos infectados son usuarios e sete son traballadores do centro. Foi unha decisión conxunta das consellerías de Sanidade e Política social para protexer a saúde dos residentes e empregados.

Coa de hoxe, son xa tres as residencias intervidas polo Goberno galego no que vai desta segunda vaga da pandemia, tras facer o mesmo coa do Incio e a DomusVi de Outeiro de Rei.

Un profesional do Servizo Galego de Saúde desprazouse a media tarde á residencia para facer o seguimento das persoas infectadas por coronavirus e supervisar a aplicación dos protocolos. Nas últimas horas confirmouse o contaxio de vinte e un dos vinte e catro usuarios.

Polo momento son casos asintomáticos ou con sintomatoloxía leve. Tamén deron positivo en covid−19 sete traballadores, a metade do cadro de persoal do centro, que está localizado na parroquia de Celas de Peiro. Con estas cifras, a Xunta de Galicia decidiu intervir o fogar residencial.

Faino, segundo explicaron mediante un comunicado as consellerías de Sanidade e de Política Social, para garantir a calidade asistencial e a protección da saúde dos residentes e dos traballadores. Esta é a terceira residencia intervida pola Xunta en apenas un mes, tras as de Outeiro de Rei e O Incio. El Pinar rexistra casos activos por primeira vez desde o inicio da pandemia.

O concello de Culleredo púxose á disposición da administración galega para colaborar no control do gromo.

Noticias web

20/09/2020