CRTVG

Buscar

A Xunta habilita un autotest con información do coronavirus na súa web

Publicado o 16/03/2020 21:15
A Xunta habilita un autotest con información do coronavirus na súa web

Un autotest para resolver dúbidas e facilitar información á cidadanía sobre a pandemia de coronavirus foi divulgado en Internet este luns pola Xunta, informou a Consellería de Sanidade.

O test interactivo, elaborado por expertos en saúde pública, "proporciona á poboación un sistema áxil e inmediato onde atopar información actualizada sobre as cuestións relacionadas co coronavirus", indica o departamento de Sanidade nun comunicado.

O cuestionario está dispoñible en galego e castelán, presenta catro entradas referidas ás situacións en que poden estar a vivir as persoas e ofrece información sobre as dúbidas máis frecuentes sobre o COVID-19.

En primeiro lugar atópase a opción para persoas que teñan síntomas e estean preocupadas porque crean que se pode deber ao coronavirus e permite recoñecer os síntomas tales como tose, dificultade para respirar e febre, con temperaturas superiores a 38 graos.

Tras responder a esas preguntas, a consellería ofrece unha serie de recomendacións e indícase como acceder ao sistema de saúde pública para ser atendido por profesionais.

O segundo suposto está orientado ás persoas illadas ou confinadas nos seus domicilios, cunha serie de indicacións sobre o que deben facer mentres permanezan na súa vivenda, que facer en caso de estar pendentes da toma de mostras para determinar se teñen contaxio, se esperan o resultado das probas ou se a súa saúde empeorou tras o seu confinamento.

A terceira entrada informa aqueles que tiveron confirmado o contaxio e fai recomendacións para a súa situación de confinamento ou para o caso de empeorar a súa saúde no domicilio.

Por último, o cuarto suposto refírese á información sobre as dúbidas máis frecuentes sobre temas relacionados co coronavirus.

A Consellería de Sanidade sinala que este coronavirus transmítese "principalmente por vía respiratoria e polo contacto directo con  secrecións respiratorias" e, na maioría de casos, a infección é "similar a un arrefriado común".

Esta nova ferramenta de información e consulta súmase a outras iniciativas relacionadas coa atención a esa enfermidade postas en marcha pola Consellería de Sanidade, como o número de teléfono gratuíto para consultas 900 400 116.

A diferenza do número anterior, que permite consultas sobre esa enfermidade, o Executivo autonómico reclama recorrer só ao número de teléfono 061 para emerxencias.