CRTVG

Buscar

A Xunta pecha perimetralmente Galicia durante a ponte para evitar a mobilidade con Portugal

Publicado o 02/12/2020 20:55

A Xunta comunicou esta tarde ao Goberno central que procederá ao peche perimetral de toda a comunidade autónoma a partir da medianoite do xoves ao venres e ata o 9 de decembro, o cal inclúe a ponte festiva.

Segundo fontes do Goberno galego, esta decisión adóptase porque o comité clínico considera prioritario restrinxir a mobilidade con Portugal, dada a alta incidencia do coronovaris nese país, e "non procede facelo por partes". Por tanto, finalmente, decretarase o peche de toda a comunidade autónoma.

Deste xeito, Galicia toma a decisión de permanecer pechada durante esas xornadas, e con iso tamén evitaría entradas e saídas desde outros puntos de España.

Aínda que a maioría das comunidades autónomas xa trasladaron a súa intención de pechar perimetralmente eses días, hai algunhas que aínda non manifestaron a súa opción.

Durante a conferencia de prensa desta mañá para dar conta das novidades do plan de desescalada proposto polo Executivo galego en consonancia coas recomendacións do comité clínico, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu dos riscos de empeorar a situación epidemiolóxica se se incrementa a mobilidade durante eses días.

"Imos mandar unha mensaxe moi clara aos galegos", dixo o xefe do Executivo galego, que os instou a "non viaxar na ponte".

Noticias web

02/12/2020