CRTVG

Buscar

A Xunta establece o peche perimetral das sete cidades

Publicado o 30/10/2020 11:53

• Afecta Vigo; A Coruña e Arteixo; Vimianzo; Santiago, Ames e Teo; Ferrol, Narón, Fene e Neda; Pontevedra, Poio e Marín e Lugo

• As xuntanzas quedan restrixindas a conviventes nestes concellos

O Goberno galego restrinxe a mobilidade na Galicia urbana. Dende as 3 da tarde quedan pechadas perimetralmente as 7 cidades galegas xunto con algúns dos seus concellos limítrofes. O decreto xa publicado no 'DOG', establece que en todos estes municipios tamén se limitan as reunións ás persoas conviventes.

Os peches perimetrais afectan:

Vigo

A Coruña e Arteixo

Vimianzo

Santiago, Ames e Teo

Ferrol, Narón, Fene e Neda

• Pontevedra, Poio e Marín

Lugo

Na provincia de Ourense mantéñense as limitacións que xa había.

As restricións perimetrais son de xeito "envolvente" para o grupo de concellos afectados, polo que se permite o desprazamento entre os municipios límitrofes.  O obxectivo, din os expertos sanitarios, é reducir os contactos sociais e o movemento de persoas, tendo en conta tamén a proximidade da celebración de Todos os Santos.

Estas limitacións de mobilidade afectan a máis dun millón douscentos mil galegos e galegas, o que representa case a metade da poboación de Galicia, un 45,48 por cento.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou, tras a reunión do comité clínico, que estas medidas entrarán en vigor ás 15 horas desta tarde e dixo que se trata de "limitar os movementos de entrada e saída na Galicia urbana" con motivo desta fin de semana, á parte de anticipar que se revisarán o martes.

Pero o decreto do estado de alarma permite excepcións á limitación da mobilidade, e abre a porta a que os estudantes poidan volver ao seu lugar de residencia. Por iso Sanidade insiste:"Animo aos estudantes universitarios de toda Galicia a que permanezan nos domicilios cos convivintes que están agora, e non expoñan as súas familias que é do que se trata" 

Aínda que cunha situación mellor que a media estatal, en Galicia os contaxios van en aumento. Preocupa o incremento da incidencia en Vigo, e a presión sanitaria en Ourense e Ferrol. 

Ademais, as limitacións de reunións a só conviventes amplíanse de Santiago de Compostela aos municipios de Ames (O Milladoiro xa estaba) e Teo, así como ás cidades e municipios que entran agora en peche perimetral, e as que xa o tiñan: Ourense, Barbadás, O Carballiño, O Irixo e Boborás, Verín, Oímbra e Vilardevós.

Galicia contabilizou 696 contaxios por covid-19 nas últimas 24 horas, ata as seis da tarde deste xoves, e é Vigo a área que lidera a subida de novas infeccións, con 185. O número total de casos activos é na comunidade de 8.363, 433 máis ca o anterior reconto.