A Xunta esixe o pago inmediato dos 700 millóns que lle debe o Estado
A lea á conta da débeda do Estado coas comunidades autónomas non deixa de medrar. A Xunta acusa a ministra de Facenda en funcións de tratar mellor os que peor cadran as contas rexionais e insiste no pago urxente dos 700 millóns de euros que leva meses reclamando. María Jesús Montero xustifica a inxección de liquidez na Comunidade Valenciana e Murcia, o que tampouco sentou nada ben en feudos socialistas como Aragón ou Castela-A Mancha.
Montero nega que exista ningún trato de favor no seu compromiso de inxectar liquidez xa a comezos do próximo mes nas comunidades que incumpriron o seu obxectivo de déficit no último exercicio.
"Pero hai comunidades que teñen máis dificualtades que outras, por exemplo as de Valencia e Murcia, non podemos agardar ao mes de decembro, temos que darlles unha solución", dixo.
Pero desde feudos socialistas como Aragón ou Castela A Mancha aseguran que alí tamén precisan os cartos que lles adebeda o Estado e esixen o mesmo trato que recibirá o seu compañeiro de partido Ximo Puig.
"Nin Aragón nin Castela A Mancha nin ningunha outra comunidade autónoma vai ter un trato diferente ao que vai ter Valencia e o seu presidente", apuntou o presidente aragonés, Javier Lambán.
O presidente manchego vai máis lonxe: di que o pago da débeda é inaprazable para poder seguir cubrindo os servizos públicos básicos.
"Isto xa non pode tardar máis porque quero que a xente saiba que agora mesmo se está poñendo en risco o estado de benestar", dixo Emiliano García Page.
Aquí en Galicia, o vicepresidente da Xunta apremia a que a nosa comunidade reciba o que se lle adebeda por vía urxente.
"Nós o que dicimos é que son 700 millóns de euros, iso é o que se lle debe a Galicia. É urxente, necesitámolos, están nos orzamentos e polo tanto iso é o que seguimos pedindo e non nos imos deixar enredar", advertiu o vicepresidente da Xunta.
Alfonso Rueda aprecia contradicións constantes no xeito en que o Ministerio de Facenda está a abordar esta crise.