CRTVG

Buscar

A Xunta Electoral amplía o prazo do voto por correo e tamén o dos residentes no estranxeiro

Publicado o 04/06/2020 09:18

A Xunta Electoral Central decidiu prorrogar de forma excepcional o prazo de depósito do voto por correo e tamén o correspondente á solicitude do voto para os electores que residen de forma permanente no estranxeiro (CERA) e para os electores residentes temporalmente no estranxeiro (ERTA) para que poidan participar nas eleccións aos parlamentos galego e vasco convocadas para o 12 de xullo.

A Xunta Electoral indica na súa resolución do 3 de xuño que amplía o prazo tras estudar "os informes favorables" e os escritos das Xuntas Electorais das Comunidades Autónomas do País Vasco e Galicia, que solicitaron esta ampliación como consecuencia das "limitacións á mobilidade" que derivan da situación sanitaria ocasionadas pola pandemia.

En canto ao voto por correo de residentes en España, vistas as circunstancias que expón a Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, acórdase, informa o documento, a ampliación do prazo de depósito do voto por correo ata o venres 10 de xullo de 2020, nos horarios habituais de apertura das oficinas de Correos, e como máximo ata as 14 horas. 

De igual forma, os cidadáns que residen no exterior poderán solicitar o voto ata o 16 de xuño. Tamén se amplía o prazo do envío por correo aos Consulados do voto dos electores inscritos no CERA que opten por esta opción ata o día anterior ao día da votación, o sábado 11 de xullo. 

Por conseguinte, esténdese tamén o prazo do depósito do voto en urna nos Consulados dos electores inscritos o CERA ata a hora prevista para o peche dos colexios electorais na península.

"Como se fixo noutros procesos electorais en que concorreron circunstancias extraordinarias que levaron a ampliar o prazo de depósito en urna nos Consulados, o venres 10 de xullo os sobres depositados polos electores e os recibidos por correo ata esa data, xunto coa acta expedida polo funcionario consular, deberán ser remitidos coa maior celeridade posible á oficina que para estes efectos se constitúa no Ministerio de Asuntos Exteriores, que, á súa vez, procederá ao envío urxente ás correspondentes Xuntas Electorais Provinciais”, indica a Xunta Electoral na súa resolución.

Ademais, tamén se amplía o prazo inicialmente previsto para o depósito nas oficinas de Correos do voto por correo para o persoal militar que se atope navegando ou fóra do territorio nacional, ata o día 9 de xullo de 2020, aínda que o depósito destes envíos deberá realizarse na Oficina principal de Correos en Madrid.