CRTVG

Buscar

A Xunta destinará 34 millóns a protexer e promover a Ribeira Sacra como destino turístico

Publicado o 10/12/2019 15:15

A Xunta de Galicia presentou este martes o 'Plan Ribeira Sacra. Plan de xestión da paisaxe cultural 2020-2023', un proxecto que representa máis de 34 millóns de euros en actuacións de mellora e que se sitúa como "un paso relevante" no camiño cara á inclusión desta zona na lista do Patrimonio Mundial da Unesco. "O Goberno galego leva moito tempo traballando nesta candidatura", destacou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a presentación do documento en Ourense.

O plan articulouse en sete programas e contén 35 accións a desenvolver nunha área de aproximadamente 3.000 quilómetros cadrados, na que residen preto de 64.000 habitantes. A iniciativa incluirá melloras en campos como o patrimonio e a paisaxe cultural, a ordenación do territorio, a conservación dos valores naturais e o medio ambiente; o desenvolvemento económico sustentable, a xestión do turismo, a educación, a formación e investigación ou a comunicación e participación, segundo sinalou Feijóo.

Ademais, define unha estratexia común para a correcta conservación e protección da Ribeira Sacra como unha zona de especial interese polo "seu excepcional Románico e patrimonio antropolóxico", entre outros. Neste contexto, Feijóo sinalou que, "en paralelo ao avance desta planificación", tamén se suma o Plan de acción estratéxico para a Ribeira Sacra no que se inscribe a candidatura técnica da Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. "Sería un gran fito para Galicia que a Ribeira Sacra obtivese os dous recoñecementos"

Plan para Os Peares

Doutra banda, Feijóo tamén participou na firma da Orde de aprobación definitiva do Plan especialde Infraestruturas e dotacións do consorcio local dos Peares. Trátase dun instrumento "de vangarda" na ordenación do territorio, que abarca dúas provincias e catro concellos, "facendo da complexidade unha oportunidade", especificou Feijóo. O plan conta cunha partida de 15 millóns de euros que se investirán en distintas accións como: a urbanización do bordo fluvial do río Búbal, a pavimentación de accesos á estación de tren ou a ampliación do paseo do río Miño, xa en marcha.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/12/2019