CRTVG

Buscar

A Xunta dá por "controlado" o brote da Mariña e restrinxe a mobilidade en Burela

Publicado o 10/07/2020 13:19

• Non se poderá entrar nin saír de Burela agás por razóns laborais, sanitarias ou para votar | Os residentes en Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros e Ribadeo só poderán desprazarse entre estes concellos costeiros | 

• As medidas de prevención mantéñense en toda a comarca, que suma 182 casos

 

O conselleiro de Sanidade, Xesús Vázquez Almuíña, asegurou hoxe que se dá por "controlado" o brote da Mariña, baseándose en dous aspectos:

1) Os novos positivos proceden de contactos que están illados e iso, segundo a Xunta, fai que o risco de propagación sexa menor

2) O número de hospitalizados é "moi pequeno": prevese que hoxe se lles dea a alta a tres persoas, co que unicamente quedarían dúas persoas ingresadas no hospital da Costa, en Burela.

Nestes momentos hai 182 casos activos na Mariña (17 máis ca onte) e fixéronse máis de 3.200 probas.

Novas medidas de mobilidade

Unha vez analizada a situación epidemiolóxica, decidiuse manter outros cinco días máis as medidas de prevención en toda a Mariña (uso de máscaras, horarios de peche, limitacións na capacidade dos locais) pero vanse levantar algunhas restricións de movemento.

Establécense tres zonas diferenciadas:

1) Burela, cualificada como "foco quente" do brote, terá mobilidade restrinxida. Os veciños poden moverse polo termo municipal e saír só para asistencia sanitaria ou por traballo.

2) Os concellos costeiros desde Viveiro ata Ribadeo (agás O Vicedo) considéranse unha zona "intermedia" ou "tépeda". Os veciños poden viaxar dun concello a outro dentro desa área. No caso de que teñan que atravesar Burela, poden facelo, pero sen parar alí.

3) O resto dos concellos (os do interior e O Vicedo) terán liberdade total de circulación.

Situación do brote

A Consellería de Sanidade informa que ata esta mañá se confirmaron outros 17 casos activos de persoas afectadas por covid-19 no brote da Mariña. Desta forma o número total é de 182 casos activos. Ata esta data producíronse 27 altas epidemiolóxicas de persoas que deron positivo e xa están curadas.

O primeiro caso de infección por covid-19 detectouse o martes 23 de xuño. A partir desta confirmación inicial, fíxose un rastrexo e analizáronse os contactos das persoas que se foron vendo afectadas. 

Dos 182 casos activos a maioría son asintomáticos, asegura o Sergas, ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días.

Sanidade aclara que se poderá entrar e saír das zonas pechadas da Mariña para votar

A Consellería de Sanidade aclara, na orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) este venres, que os cidadáns poderán entrar e saír das zonas que o domingo seguirán con limitacións de mobilidade na Mariña (Lugo) para votar nas eleccións autonómicas.

A orde publicada no DOG sinala que, dado que, coa extensión das medidas nestes concellos, queda incluída a xornada electoral do 12 de xullo, procede clarificar que as limitacións á mobilidade "non poden afectar o exercicio dun dereito fundamental como é o do sufraxio", de modo que ir votar se considerara unha "causa xustificada" para saír e entrar das zonas pechadas.

Polas mesmas razóns, agrega o texto, indícase que, tanto no distrito sanitario da Mariña coma no resto de Galicia, as medidas de corentena "salvo causas debidamente xustificadas" para contactos estreitos, "non impiden tampouco o exercicio do dereito fundamental de sufraxio".

Nestes casos, han de cumprirse as medidas de seguridade e, en particular, o uso de máscara cirúrxica e que a saída "se limite ao tempo estritamente necesario" para acudir ás urnas, expón. Neste sentido, Sanidade "cursou as oportunas instrucións" para que esta cuestión se aclare nas comunicacións que teña o Centro de Seguimento de Contactos do Servizo Galego de Saúde con estas persoas.

De alta tres dos cinco hospitalizados na Mariña

En canto ás hospitalizacións, tres dos cinco pacientes que había ingresados no Hospital Público da Mariña xa recibiron a alta. Polo tanto, neste centro quedan dous hospitalizados por covid-19. 

Ademais, hai outra persoa ingresada no HULA, o que sitúa en tres o total de hospitalizacións por covid-19 na provincia.