CRTVG

Buscar

A Xunta aplica restricións no barrio da Milagrosa de Lugo ante o aumento de casos de covid-19

Publicado o 29/08/2020 20:59

A suba de casos activos de coronavirus en Lugo decidiu a Xunta a activar medidas restritivas.

Segundo os últimos datos do Sergas, na área sanitaria da provincia hai 604 casos activos, 57 máis ca onte.

No barrio da Milagrosa é onde as medidas son máis extremas. É o máis populoso, pero hoxe levantouse con restricións que lembran ás da fase un, ao saír do estado de alarma.

Nas cafeterías só se pode utilizar a terraza e non pode haber máis de cinco persoas en cada mesa.

Ante a situación tan restritiva, os hostaleiros demandan que se pechen todos os negocios.

O caso é que no barrio hai menos actividade. Desde o Concello intensifican as tarefas de desinfección e colocan colectores específicos.

Unha volta atrás que ninguén quere e que se trata de atallar con medidas que son máis esixentes neste barrio, onde predominan a hostalería e os comercios, e onde hai dous colexios, un centro social e unha residencia de anciáns que están pechados para evitar que haxa máis contaxios.

Noticias web

29/08/2020